[19-10-2015] Arredor de 1.200 persoas participaron este mañá na décimo sexta edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Na proba absoluta participaron uns 450 deportistas, mentres que na proba escolar correron arredor de 750 rapaces e rapazas. Na proba absoluta impuxéronse Abdelkader Bouguerroudj e Raquel Seco Pedrosa cun tempo de 33:08 e 38:57 respectivamente. Na proba absoluta tamén participaron a atleta profesional Esther Pedrosa e o exciclista profesional Ezequiel Mosquera. A saída e a chegada da proba estivo instalada nos arredores do Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Avenida José Luís Azcárraga). Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás ver as clasificacións das diferentes probas.









Ás 12:00 horas, trala competición absoluta, disputouse a proba da categoría pitufo –nados no ano 2011 e posteriores–, que correron unha distancia de 200 metros. A esta seguíronlle os grupos de prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís (2.000 metros) e cadetes e xuvenís (2.800 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 1998 e 2010.
Unha vez rematadas todas as carreiras procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado nos exteriores do Pazo da Peregrina. O control da carreira estivo a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela.
SOS Animalia
A asociación SOS Animalia instalou un stand para vender diferentes obxectos co fin de recadar fondos paar esta entidade. Ademais, neste posto se lle proporcionou información a todas as persoas que se achegaron por el para coñecer o traballo que realizan. SOS Animalia é unha asociación sen ánimo de lucro formada por un grupo de persoas ás que une fundamentalmente o amor polos animais.
A localidade de Bertamiráns acolleu este domingo, 18 de outubro, unha nova edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Os corredores que participaron na proba absoluta tomaron a saída ás 10:30 horas da mañá dende o contorno do Pazo da Peregrina. Nesta proba participaron os atletas das categorías júnior, promesa, sénior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1997 e anteriores, que percorreron un total de 10.200 metros.
Este ano os gañadores absolutos da carreira foron Abdelkader Bouguerroudj, na categoría masculina, cun tempo de 33:08, e Raquel Seco Pedrosa, na categoría feminina, cun tempo de 38:57. No segundo posto na categoría masculina quedou Gustavo Ríos e terceiro foi Juan Pablo Fernández, mentres que na categoría feminina, Marinela Mayo foi segunda e Esther Pedrosa quedou terceira. Premendo nesta ligazón http://emesports.es/event/xvi-carreira-pedrestre-popular-concello-de-ames/ poderás ver en que posto quedaches.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Mil doscientos atletas se echaron a las calles en Ames"
El Correo Gallego: "Bouguerroudj e Raquel Seco gañan a proba absoluta da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames"




