Pestanas principais

Os obradoiros de lingua e cultura, “En galego, co teu acento”, abren o prazo de inscrición o luns 7 de setembro

Sábado, 05 de setembro de 2015

[05-09-2015] Proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega e fomentar o achegamento á cultura é a historia de Galicia son os obxectivos básicos dos obradoiro de lingua e cultura galega que, destinados a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, inmigrantes ou emigrantes retornados residentes en Ames e persoas interesadas en achegárense á lingua e á cultura do noso país, pon en marcha o Servizo de Normalización Lingüística. O curso servirá tamén para que os novos e as novas amesáns coñezan as infraestruturas e os servizos que ofrece o Concello de Ames, para fortalecer a cohesión social e para promover o intercambio cultural, base do enriquecemento dos pobos. O prazo de inscrición está aberto desde o 7 ao 25 de setembro.

O Concello de Ames agocha unha enorme patrimonio multicultural, dado que ten unha alta porcentaxe de poboación procedente de fóra de Galicia. Na actualidade, hai persoas de preto de 70 nacionalidades chegadas dos 5 continentes e fálanse unhas 40 linguas, unha realidade multicultural que converte o concello amesan nun espazo privilexiado de intercambio cultural e enriquecemento mutuo. Moitas destas persoas apenas tiveron contacto coa lingua e coa cultura galega, razón básica pola cal se organizan estes obradoiros dirixidos fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia, co obxectivo de que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galega, que contribúan á súa integración e á cohesión social, e que sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

As persoas asistentes achegaranse á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades cotiás. Trátase dunha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos.

Os obradoiros de lingua e cultura están dirixidos a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, aos inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no territorio municipal amesán, e a calquera interesado ou interesada en achegarse á lingua e á cultura galega.

Por outra banda, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura é a historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural.

Lugares, datas e tramitación das inscricións Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, desde o 1 de outubro ata o 9 de novembro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a xoves. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 11 ata o 23 de novembro, de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:00 h. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades. O prazo de inscrición comeza o 7 de setembro e alóngase ata o 25 do mesmo mes. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns e nas Oficinas municipais de Milladoiro (Rúa de Abaixo, nº 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 / 981 884 991 (Bertamiráns) e 981 525 349 (O Milladoiro).

“A lingua é unha ferramenta básica para a integración e a cohesión social, que no Concello de Ames debemos aproveitar e poñer ao servizo de toda a veciñanza” indica a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero.

Estes obradoiros van ser a única oportunidade de formación en lingua galega para adultos en Ames, dado que, a pesar da alta demanda de formación en galego que se rexistra neste concello, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia este ano reduciu enormemente a oferta formativa e non contou co Concello de Ames para impartir ningún curso de lingua. Cómpre salientar que en febreiro do ano pasado, no prazo extremadamente curto que estableceu a Xunta, preinscribíronse máis de 100 persoas, das que a maioría quedaron sen poder asistir ao curso que solicitaban.


Contido relacionado


"Ames abre o prazo para o curso En galego, co teu acento"