[27-07-2015] Nas últimas semanas o goberno municipal estivo falando coa consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, para retirar a estrutura da pasarela que está colocada na estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira. Nas conversas levadas a cabo o Goberno municipal propúxolle á Xunta a retirada desta pasarela como mellor opción para mellorar a seguridade viaria nesta zona, antes de acometer o arranxo da mesma debido ao seu elevado custe.
Dende o goberno municipal estiveron falando nas últimas semanas coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para tratar de retirar esta pasarela. Dende a Xunta de Galicia barallaban dúas opcións; retirar a estrutura existente ou arranxala xa que está moi deteriorada polo paso do tempo e polas inclemencias meteorolóxicas.
Dende o Concello a proposta que se fixo dende o primeiro momento foi que retirasen a estrutura, tal e como levan solicitando dende hai tempo as ANPAS do CEIP A Maía e do IES de Bertamiráns. Finalmente, dende a Xunta coincidiron nesta petición e vaise retirar a devandita pasarela de forma inmediata. Segundo explica o alcalde de Ames, José Miñones, “os traballos para retirar esta estrutura darán comezo de xeito inminente e desenvolveranse durante estes últimos días de mes, quedando para o mes de agosto a colocación dos semáforos para a regulación do tráfico. A obra estará rematada na súa totalidade cara ao comezo do vindeiro curso escolar”.
No lugar desta estrutura vaise a instalar un paso de peóns, debidamente sinalizado, e un semáforo con pulsador para que os viandantes que queiran cruzar esta estrada non teñan máis que premer no botón do devandito semáforo. Con esta actuación preténdese reducir a velocidade dos vehículos que circulan por esta estrada, e por conseguinte, mellorar a seguridade viaria nesta zona.
Asemade, o rexedor municipal explica que “tamén se lle instou á Consellería a instalación doutros semáforos no paso de peóns que está en fronte ao CEIP da Maía co obxectivo de que os vehículos paren cando os viandantes crucen esta estrada. Este é un lugar con moito tránsito de nenos/as e adultos, tanto na hora de entrada coma de saída do colexio, polo que é preciso que haxa a suficiente seguridade para poder cruzar con tranquilidade. A colocación deste semáforo aínda non está confirmada, pero vamos a intentar que tamén se instale durante o mes de agosto”. A seguridade peonil no entorno dos centros educativos de Bertamiráns é unha demanda das ANPAS e na que o Goberno municipal está a traballar de cara ao vindeiro curso 2015-16.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames pide a la Xunta semáforos en el paso peatonal del acceso al colegio de A Maía"
La Voz de Galicia: "La Xunta retirará la pasarela junto al colegio de Bertamiráns"