[18-05-2015] O Concello de Ames informa de que as obras que se están executando na travesía do Pedregal en Bertamiráns teñen por obxecto mellorar a seguridade viaria e aumentar o número de prazas de aparcamento de vehículos.
Con estes traballos establécese o sentido único de circulación nunha rúa duns 300 metros de lonxitude, que comunica a avenida da Maía coa rúa Pedregal. A medida evitará que os vehículos continúen estacionando nas beirarrúas e permitirá aos peóns desprazarse por elas con total seguridade. Con todo, e mentres non se normalice a situación do tráfico neste punto, axentes do corpo da Policía Local de Ames ampliarán a súa vixilancia nos próximos meses.
Intervención avalada tecnicamente e aprobada en pleno
O goberno municipal lembra que a proposta foi avalada polo departamento técnico correspondente e aprobada no pleno de decembro de 2013, cos votos a favor dos cinco representantes do grupo municipal popular, cinco membros do grupo socialista, seis concelleiros non adscritos –Ramón García Argibay, María Dolores Fernández Álvarez, Manuel José Ferreiro Santiago, Alfonso Rey López, María González Gómez e Emilio Martínez Carballeira– e a abstención dos tres concelleiros non adscritos –Pilar Candocia Pita, Susana Mayo Redondo e Olalla Alvite del Río–.




