[13-03-2015] A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames, organizan este sábado o VII Festival Val da Maía. A través deste evento cultural preténdese reunir a diferentes grupos galegos de música tradicional, buscando sempre a novidade e a variedade de estilos entre os artistas convidados. Nesta ocasión actuarán os grupos Os Coribantes (A Lama), O Ghusto do Boi (Boqueixón), Os do Pilón (Arzúa), Pousos da Area (Marín) e o grupo anfitrión, As Maianas. Terá lugar ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A entrada é gratuíta.
Unha das integrantes das Maianas, Lidia Gallas, anima a todos os veciños e de Ames a que acudan a esta cita que segundo indica “pretende ofrecer unha ampla variedade de estilos musicais”. Ademais, Lidia explica que un dos obxectivos desta iniciativa “é facerlle ver a xente que a musica tradicional galega non só é tocar a pandeireta ou a gaita, senón que tamén hai moitos outros estilos como o folk”.
Grupo de pandeireteiras As Maianas
O colectivo Val da Maía naceu no ano 2007, ao abeiro dun grupo de mozas que compartían o seu gusto pola música galega e que se deron a coñecer como As Maianas. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Ames durante varios anos, decidiron crear esta asociación. Ademais de Lidia Gallas, As Maianas son Inés, Ainhoa, Cruz, Irene e Ruth.
Este sexteto amesán recibiu o premio do xurado no concurso Vas sacar nota, organizado por Radio Galega no ano 2012. Na edición de 2013 volveron a participar nesta iniciativa co pasodobre Vaite co vento e quedaron entre os dez primeiros grupos no premio outorgado polo público, unha posición que conservaron na edición de 2014 do mesmo programa radiofónico, interpretando a canción Sabes?.




