Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolleu a exposición "O Camiño no encaixe"

Venres, 06 de marzo de 2015

[06-03-2015] Este sábado, 28 de febreiro, e o domingo, 1 de marzo, o Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, acolleu unhas xornadas sobre a historia do encaixe de palillos a través do Camiño de Santiago. Ao longo deste dous días púidose visitar a exposición de pezas de encaixe da Casa-Escola de Ana Rosa Lista, e tamén, houbo unhas charlas sobre a importante tradición do encaixe de palillos que existe en Galicia.

Estas xornadas dedicadas ao encaixe de palillos comezaron o sábado pasado, 28 de febreiro. De 10:00h a 17:00 horas todas as persoas que o desexaron puideron acudir á sala de exposicións do Pazo da Peregrina, para gozar da exposición de pezas de encaixe da Casa-Escola de Ana Rosa Lista.

A continuación, dende ás 17:00 horas, realizouse un ciclo de charlas sobre a importante tradición do encaixe de palillos que existe en Galicia. Nestas charlas interviron a propia Ana Rosa Lista e o escritor pontevedrés, Mario Gallego. O alcalde de Ames, Santiago Amor, asistiu ao acto de inauguración destas charlas, onde Ana Rosa Lista entregoulle un escudo de Ames feito por ela mesma.

Os poñentes falaron da historia do encaixe de palillos de Galicia, e tamén relacionaron a arte do encaixe co Camiño de Santiago ao seu paso por Ames. Durante a xornada do domingo, 1 de mazo, a exposición estivo aberta durante todo o día, para que os veciños e veciñas amesás que o desexasen puideran contemplala e gozar da arte de Ana Rosa Lista.