[28-02-2015] Os alumnos e alumnas que representaron ao concello de Rois na fase comarcal do Club de Debate foron os principais protagonistas deste evento, que se celebrou este venres, 27 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os rapaces e rapazas, pertencentes aos grupos do CPI dos Dices de Rois e do IES Macías o Namorado de Padrón, quedaron en primeiro e segundo lugar, respectivamente, e pasan á final galega que se celebrará no Pazo da Cultura de Carballo o domingo 26 de abril. O tema sobre o que debaterán na fase final será: `Herdamos o galego, temos que transmitilo´. O mellor equipo do concello de Ames foi o grupo número 1 do IES de Bertamiráns e quedou na cuarta posición.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, felicitou aos equipos gañadores e explicou que “este tipo de certames serven para fomentar o uso do galego e mellorar a oratoria”. Ademais, incidiu en que “o Club de Debate tivo moi boa acollida nos institutos de Ames, xa que se presentaron cinco equipos amesás formados por un total de 50 alumnos/as”. Por último recalcou que “o concello de Ames é o máis xoven de Galicia e iso apreciase na alta participación de mozos e mozas amesás neste tipo de eventos”.
Composición do xurado
O presidente do xurado foi Manuel Bermúdez Blanco (técnico de normalización lingüística da USC), mentres que no posto de vogais estiveron Lorena Rey Noya (poeta e profesora de lingua e literatura galega no IES Xelmírez I); Rosabel Candal Bouzas (xornalista); Alba Nogueira (profesora de dereito da USC); e Federico Pérez Rei (actor e guionista).
O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Normalización Lingüística de Santiago, María Antón Vilasánchez, e o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, foron os encargados de facer entrega dos premios. Os premios consistiron nunha achega de material cultural valorado en 500 euros, para o primeiro clasificado, e en 300 euros para o segundo clasificado.
Na final da fase comarcal celebrada en Bertamiráns participaron un total de 8 equipos e a temática sobre a que tiveron que debater foi: `A industria cultural galega ten pouca conexión coa sociedade´. Do Concello de Ames participaron cinco grupos, catro deles do IES de Bertamiráns e un do IES do Milladoiro. En total estiveron integrados por 50 mozos e mozas e 3 preparadores docentes. Ademais, asistiron 5 alumnos do IES Antonio Fraguas de Santiago, 4 rapaces do CPI dos Dices de Rois, e 9 escolares do IES Macías o Namorado, de Padrón.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Os Dices e Macías o Namorado gañan os debates en Ames"