[25-02-2015] O pavillón municipal de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da campaña de seguridade viaria a nivel nacional dirixida ao público infantil, que organiza a Dirección Xeral de Tráfico en colaboración co Concello de Ames. Ao acto asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, a coordinadora xeral da DXT, Victoria Gómez, e o alcalde de Brión, José Luis García.
O rexedor de Ames, Santiago Amor, inaugurou a xornada agradecendo á DXT a súa decisión por inaugurar a campaña “nun concello onde un terzo da poboación son mozos de 0 a 18 anos”. Amor destacou a importancia de apostar pola educación viaria, animando a traballar “conxuntamente” entre as distintas administracións “para garantir a seguridade de todos os cidadáns”. Pola súa parte, Santiago Villanueva considerou fundamental “o ensino de hábitos saudables, como ir camiñando ao colexio” e “inculcar a educación viaria dende idades temperás”.
A xornada estivo dirixida a uns 650 escolares, de 5 a 12 anos de idade, dos colexios de Educación Infantil e Primaria de Barouta, A Maía, Ventín, Agro do Muíño e Alca. O alumnado puido coñecer o funcionamento dos distintos vehículos policiais, do camión de bombeiros e ata achegarse ao helicóptero Pegasus, que se achegou á explanada do pavillón municipal. Esta actividade enmárcase nunha campaña de formación que o Concello de Ames trasladará tamén ás aulas para que un total de 2.500 alumnos reciban, durante o próximo mes, formación viaria teórica e práctica.
Os Bolechas protagonistas da campaña
Os Bolechas, personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro, son os protagonistas desta nova campaña dirixida aos máis novos, e que se estenderá por todo o territorio nacional. A Dirección Xeral de Tráfico disporá de material diverso, creado para fomentar a seguridade viaria en múltiples aspectos da vida diaria dos pequenos.
En total son cinco libros, editados en galego e castelán, cadanseu cunha historia dos Bolechas na que se mostra un aspecto de educación viaria, e un caderno de exercicios e actividades para coñecer as normas de circulación.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Con la seguridad vial sí se juega"
La Voz de Galicia: "Presentación en Bertamiráns de una campaña de educación vial"
El Correo Gallego: "Campaña de seguridad viaria con Os Bolechas como protagonistas"
La Voz de Galicia: "Os Bolechas conciencian a los niños en educación vial para crear «conductas adecuadas en el futuro»"




