[30-12-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, entregou onte luns os diplomas a máis de medio cento de persoas que participou nos cursos de informática da aula CeMIT durante o último trimestre deste ano. Amor explicou que “a gran demanda que están a ter estes cursos posibilita seguir ofrecendo este servizo a toda a veciñanza amesá”. O rexedor adiantou que este Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica continuará ofrecendo os seus servizos durante o ano 2015 grazas ao convenio de colaboración subscrito recentemente coa Xunta de Galicia, a Fegamp e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica –AMTEGA–.
O obxectivo da aula CeMIT é promover o uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital. Perséguese ademais fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. As diferentes actividades inclúen cursos gratuítos, impartidos en modalidade presencial e online.
Durante o último trimestre de 2014 no CeMIT de Ames impartíronse 19 cursos, que contaron cun total de 176 matrículas. A oferta formativa foi ampla e diversa, realizando dende cursos de alfabetización dixital para adultos, como iniciación á informática e Internet; ata iniciación á programación de videoxogos para nenos. Moitos alumnos fixeron varios cursos, acadando un total de 75 participantes únicos, dos que 41 eran nenos e nenas e 34 adultos.
Pero ademais da formación relacionada coas novas tecnoloxías, o centro serve de Aula Aberta para toda a veciñanza que desexe empregar os ordenadores con conexión a Internet, cámaras web e impresoras. Foron preto de 500 persoas as que fixeron uso deste servizo ao longo do ano. A aula CeMIT de Ames está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns e está aberta ao público de luns a venres entre as 9:30 e as 21:30 horas e os sábados de 9:30 a 13:30 horas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Más de 70 participantes en el último curso de informática del CeMit de Ames"




