[23-12-2014] O Concello de Ames está realizando obras de mellora nas instalacións do pavillón polideportivo do Milladoiro. Estes traballos estanse realizando principalmente na cuberta do edificio, na fachada sur, e na sala de usos múltiples do pavillón co fin de acabar cos problemas de humidade existentes. Estas obras teñen un custo de 27.317 euros. Para sufragar este proxecto cóntase cunha subvención de 6.993 euros da Deputación da Coruña, mentres que o importe restante achégao o Concello. Previamente, no pasado mes de febreiro substituíronse 6 paneis na cuberta do pavillón polos danos provocados polo temporal. Esta actuación tivo un custo de 3.180 euros. Ademais, realizáronse obras de pintado no interior do pavillón do Milladoiro, que tiveron un custo de 10.252 euros. En total vanse investir 40.749 euros na mellora do pavillón municipal do Milladoiro.
Pintado interior do pavillón
Ademais, realizáronse obras de pintado no interior do pavillón municipal do Milladoiro, que consistiron na aplicación de pintura plástica lisa impermeabilizante para exteriores de ladrillo ou cemento. Estes traballos de pintado realizáronse nas catro paredes interiores do pavillón e nas zonas de acceso. En total, esta actuación levouse a cabo nunha superficie de 1.883 metros cadrados. As obras de pintado tiveron un custo de 10.252 euros.
A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, explicou que “a través destas obras o Goberno municipal dedica 40.749 euros á mellora do pavillón municipal do Milladoiro. María Eugenia Martín engadiu que “trátase dunhas actuacións moi necesarias para O Milladoiro xa que o pavillón polideportivo ten un gran uso por parte da veciñanza desta localidade”.
No pavillón polideportivo do Milladoiro desenvólvense unha gran parte das actividades e cursos organizados pola Concellaría de Deportes. Nestas instalacións pódense practicar tanto deportes colectivos (voleibol, baloncesto, balonmán, fútbol-sala, patinaxe, predeporte) como individuais (tenis, bádminton, tenis de mesa). Esta instalación presta servizo á veciñanza do Milladoiro, que con máis de 12.000 habitantes censados soamente no núcleo urbano, representa o 40% da poboación total do concello de Ames, que supera os 30.000 veciños na actualidade. Este pavillón dispón dunha superficie en planta de 1.560 metros cadrados, sendo a superficie útil de planta baixa de 1.478 metros cadrados e a superficie útil de planta alta de 360 metros cadrados.
Esta instalación presentaba graves problemas de humidades que proviñan en gran medida de dúas zonas: da cuberta, por perda da estanqueidade do material de cubrición, e da fachada sur, moi castigada polos temporais, e que presentaba graves desperfectos no revestimento de fachada, con falta da impermeabilización do soporte e no remate superior. Debido a iso o Concello decidiu levar a cabo varios traballos na tanto no exterior como no interior -na aula de usos múltiples afectada pola entrada de auga- do pavillón.
Os traballos que se están executando consisten no revestimento da fachada sur do pavillón con panel de chapa prefabricado; a formación dun zócalo dun metro de altura nesa mesma fachada empregando tabicón enfoscado; e a reparación da cuberta para eliminar os puntos polos que entra auga. Ademais, vaise actuar na aula de usos múltiples do pavillón na que se vai substituír o pavimento de tarima flotante e reparar o falso teito modular. Estas obras teñen un custo de 27.317 euros. Para sufragar este proxecto cóntase cunha subvención de 6.993 euros da Deputación da Coruña, mentres que o importe restante achégao o Concello.
Previamente, no pasado mes de febreiro substituíronse 6 paneis de 6x1 metro na cuberta do pavillón debido aos danos provocados polo temporal nesta instalación. Esta actuación tivo un custo de 3.180 euros.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El polideportivo de Milladoiro mejorará sus instalaciones"
La Voz de Galicia: "Ames ejecuta mejoras en el polideportivo de Milladoiro"




