[12-12-2014] Ames deulle hoxe a benvida ao Nadal co acendido da iluminación ornamental e cun acto no que houbo música, chocolate e obradoiros. O Concello preparou un conxunto de actividades mediante as que se deu comezo de xeito simbólico á época de Nadal e se impregnou do espírito de festa a todo o municipio. Nesta ocasión, ademais do tradicional acendido da iluminación, desenvolvéronse varias iniciativas que compuxeron un completo acto co que os veciños e veciñas amienses déronlle a benvida a estas festas. Este acto foi un éxito, xa que decenas de veciños e veciñas achegáronse á praza do Concello para gozar da chegada do Nadal.





Neste acto o alcalde de Ames, Santiago Amor, estivo acompañado da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, da concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e do concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar. O acto comezou ás 17:00 horas na Casa do Concello co desenvolvemento dun obradoiro para nenos e nenas de 4 a 12 anos no que puideron elaborar adornos de Nadal con material de refugallo.
A continuación, as 18:00 horas, acendeuse a iluminación de Nadal. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderon as luces foi Antía Somoza Bóveda, unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. A iluminación ornamental para as festas de Nadal do Concello de Ames está composta por máis de 100 arcos, unha árbore de 15 metros de alto que está instalada na praza do Concello e diferentes elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal.
Tralo acto propio de acendido da iluminación actuaron os rapaces e rapazas do coro infantil da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Este coro, que estivo composto por 25 rapaces e rapazas, interpretaron as cancións No Nadal, Espíritu de la Navidad e Vamos a lograr (un tema composto por eles mesmos). O coro estivo acompañado da profesora de linguaxe musical e coro da EMMA. Para rematar, ás 18:30 horas, realizouse unha degustación de churros e chocolate gratuíta.




