Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola infantil municipal O Bosque celebraron o Samaín

Luns, 03 de novembro de 2014

[03-11-2014] Os alumnos/as da Escola infantil municipal O Bosque deron por rematados os festexos con motivo da celebración do Samaín. Os nenos e nenas desta escola municipal realizaron diferentes obradoiros nos que prepararon os traxes e as cabazas, que forman parte do Samaín, que se celebra con motivo do día de Todos os Santos. Este centro educativo quere transmitirlles aos máis pequenos/as esta celebración celta, para manter as nosas tradicións máis antigas dunha forma divertida. A celebración rematou cunha gran festa na que participaron os nenos/as e as profesoras/es.

Como todos os anos na Escola infantil municipal O Bosque celebraron a festa do Samain. Moita xente cre que a costume de baleirar cabazas para a véspera do día de Todos os Santos é algo importado de América. Pero os celtas xa viñan celebrando o Samaín en Galicia moito antes de que chegara a moda do Halloween.

Na Escola infantil municipal O Bosque os nenos e nenas quixeron lembrar esta tradición e durante a semana pasada realizaron varias actividades relacionadas co Samaín. Deste xeito, o persoal da escola axudoulle ao alumnado a preparar as cabazas. Primeiro, baleirárona para despois poder pintalas e decoralas cos temas que se decidiron na clase entre todos.

Por outra banda, este ano pediuse a participación dos pais e nais para que levaran as súas cabazas decoradas da casa. Unha vez rematado este traballo, decorouse a entrada da escola para celebrar a festa do Samaín. A celebración tivo lugar o pasado venres, 31 de outubro, e nela puidéronse ver todas as cabazas que se prepararon anteriormente. Ademais, o persoal da escola disfrazouse de meigas e contáronlle varios contos a todos os nenos e nenas da escola, que estiveron relacionados con esta festa.