[05-09-2014] O Concello de Ames está realizando, coa colaboración de FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña), un informe sobre a facturación eléctrica do municipio. Actualmente constan na base de datos de FAEPAC 1.613 facturas analizadas, correspondentes a 212 puntos de subministro. Este estudo, que está dividido en trimestres, está elaborado a partir da análise das facturas que recibe o Concello polos distintos puntos de subministro que ten contratados, aprécianse un conxunto de incidencias na facturación. Estas incidencias detectadas no estudo traduciranse na revisión das correspondentes facturas e no conseguinte aforro para as arcas municipais. No informe inclúense as posibles medidas a tomar para acadar un maior aforro e eficiencia enerxética así como os erros detectados na facturación.
Na súa aposta polo impulso ao aforro enerxético, durante o último ano, o Concello de Ames, coa colaboración de FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña,) levou a cabo a revisión dun total de 1.613 facturas do subministro eléctrico do municipio, correspondentes a 212 puntos de subministro. O Concello vén de recibir o terceiro informe de FAEPAC correspondente á segunda metade do ano 2013. En total, nesta segunda fase analizáronse 671 facturas das que se detectaron medio centenar nas que o Concello podería solicitar a súa devolución por atoparse algunha incidencia ou incorrección na súa tramitación.
Estas facturas foron analizadas tendo en conta distintos factores como as lecturas realizadas en contador, o prezo da enerxía, a potencia contratada, a existencia ou non de penalización reactiva, penalizacións por exceso de potencia e os quilovatios que foron facturados pola empresa subministradora. En base a toda esta información recadada, o Concello de Ames levará a cabo unha auditoría enerxética que permitirá acadar aforros na facturación eléctrica anual municipal e, polo tanto, a optimización do consumo enerxético.
Cos datos reflectidos por este estudo, o Concello de Ames xa remitiu unha comunicación á empresa Gas Natural Fenosa, co obxectivo de que se proceda á modificación de determinadas facturas ou á devolución dalgúns importes sinalados. A devandita empresa anulou as facturas que estaban mal emitidas e substituínas por outras. Ademais, nos últimos meses o Concello solicitoulle a Gas Natural Sur a anulación de dúas facturas ou a devolución do importe cobrado que ascende a 1.100 euros.
41 facturas reclamadas
Por outra banda, detectáronse unha serie de facturas nas que os valores da enerxía reactiva amosados nas lecturas do contador, son superiores aos da enerxía activa. Dende o Concello enténdese que este feito non debe producirse, polo que lle solicitaron á empresa Unión Fenosa Comercial unha revisión do equipo de medida, e se procede, a anulación das 41 facturas emitidas, para que sexan reguladas segundo a facturación dos subministros implicados, de acordo cos valores reais de consumo e a lexislación vixente.
Da análise da facturación eléctrica, detectase a existencia dunha serie de facturas nas que se cobra penalización por superar a potencia contratada, aínda que iso non sucede. Noutras facturas, inclúense quilovatios que xa foron abonados en recibos anteriores ou non se fai a devolución que correspondería por non acadar a potencia contratada para cada punto de subministro. Segundo o informe, tamén se detectan puntos de subministro onde tanto os períodos de tempo facturados como as lecturas reais reflectidas nas facturas cóbranse en dúas diferentes.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames corrixe incidencias atopadas nas facturas eléctricas"
La Voz de Galicia: "A aldea amiense de Coira, contra unha liña de alta tensión Constitúen unha plataforma e recollen sinaturas en contra desta obra de Adif"




