Pestanas principais

Arredor de 300 padexeiros participarán este domingo, 24 de agosto, na XXIX edición do Descenso do Tambre

Venres, 22 de agosto de 2014

[22-08-2014] A praia fluvial de Tapia acolle este domingo, 24 de agosto, a XXIX edición do descenso do Tambre. Arredor de 300 padexeiros e padexeiras de clubs de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano, como novidade, a proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia entre Portomouro e a praia fluvial de Tapia, realizarase ás 12:30 horas, mentres que a proba de circuíto, na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, desenvolverase a partir das 16:00 horas na praia fluvial de Tapia.


O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van vinte e nove, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Nesta proba participarán arredor de 300 padexeiros/as de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre.

Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 12:30 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames). No descenso do Tambre participarán padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete). Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A entrega de premios realizarase arredor das 14:00 horas.

Pola tarde, desenvolverase a segunda parte do evento. Entre as 16:00 horas e as 19:30 aproximadamente, realizarase a proba correspondente ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Para elo instalarase un circuíto dun quilómetro e medio na praia fluvial de Tapia. A entrega de premios realizarase arredor das 20:00 horas.

Participan 10 clubs galegos
No descenso do Tambre hai inscritos uns 50 padexeiros/as, mentres que na proba de circuíto participarán uns 250 rapaces e rapazas. Como en edicións anteriores este ano serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo. Nesta edición está confirmada a participación dos clubs Cabanas, Ría de Muros e Noia, Náutico de Pontecesures, Náutico de Boiro, As Pontes, As Xubias, Miño, Náutico Ría de Betanzos, Breogán do Grove e o club amiense Ribeiras do Tambre.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2014 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. A recollida de dorsais realizarase antes de cada proba nas instalacións da praia fluvial. Haberá un posto de avituallamento para que ao remate das probas os padexeiros/as poidan recargar enerxías con bebidas e froita.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Descenso do Tambre congregará mañana a más de trescientos palistas"
La Voz de Galicia: "Los piragüistas toman la playa de Tapia"