[11-04-2014] A Policía Local de Ames realizará durante as dúas próximas semana unha campaña de control de velocidade co novo vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico. Este vehículo está equipado cun radar e cun etilómetro para realizar controles de alcoholemia. Esta cesión enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico para dotar á Policía Local de vehículos ou de equipos medidores, como etilómetros, cinemómetros ou medidores de potencia. O corpo de seguridade amiense contará con este vehículo durante 15 días.
Balance de actuacións durante 2013
A Policía Local de Ames realizou un total de 4.003 actuacións ao longo do 2013. A maioría das actuacións están relacionadas con cuestións relativas ao tráfico; accidentes na vía pública; informes enviados aos departamentos de Oficinas Xerais, Urbanismo e Obras; e retirada de vehículos da vía pública.
O número de accidentes de tráfico que se produciron en Ames durante o ano 2013 reducíronse considerablemente se temos en conta os datos dos anos pasados. En 2013 a Policía Local interveu en 111 accidentes. Deste xeito, realizaron 32 intervencións menos que en 2012. Se temos en conta os datos do ano 2007 con 198 intervencións os datos aínda son mellores, xa que durante o ano pasado tiveron que realizar 87 intervencións menos.
Isto supón un bo dato que coincide coa baixada tamén do número de vehículos retirados con guindastre. En 2013 o guindastre retirou un total de 24 vehículos da vía pública (15 por entorpecer a outros usuarios/a e 9 por estar abandonados). Se temos en conta que no ano 2009 se retiraron 68 vehículos da vía pública podemos dicir que a veciñanza amiense cada vez fai un mellor uso das vías públicas.
Intervención por infraccións de tráfico
En canto as intervención por infraccións de tráfico cómpre destacar que en 2013 realizáronse un total de 982 denuncias, habendo en 2012 un total de 1.183 polo que se produciu unha diminución de 201 no número de denuncias por infraccións de tráfico respecto ao ano 2012. Pero se temos en conta as denuncias feitas en 2011 en materia de tráfico, que foron 2.052, a diminución aínda é moito máis significativa xa que son 1.070 menos. Estes datos mostran que os veciños e veciñas de Ames cada vez están máis concienciados coa seguridade viaria e cumpren as normas de tráfico.
Das 982 denuncias realizadas o ano pasado, 405 foron postas a veciños de Ames, o que supón un 41,24%; 154 foron postas a veciños de Santiago de Compostela, o que representa un 15,68%; 75 a veciños de Teo, o que supón un 7,63; e 52 a veciños de Brión, o que supón un 5,29. O 30,16% restante foron denuncias interpostas a veciños/as doutros concellos.
Este venres, 11 de abril, a Policía Local de Ames comezou a realizar unha campaña de control de velocidade, grazas á cesión por parte da Dirección Xeral de Tráfico dun vehículo que conta cun radar. O corpo de seguridade amiense situará este vehículo en zonas próximas aos colexios e en rúas e travesías onde sexa necesario controlar a velocidade dos vehículos que circular por elas. Este tipo de campañas teñen o obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos vehículos e dos peóns. Este vehículo tamén conta cun etilómetro para realizar controles de alcoholemia.
A cesión deste vehículo enmárcase dentro do convenio que asinaron o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico, para a cesión de material e apoio técnico por parte de Tráfico ao Concello de Ames. Isto permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía Local de Ames, que poderá contar con material ou vehículos cedidos temporalmente por Tráfico.
Neste convenio establécese que a Xefatura Provincial de Tráfico cederá temporalmente ao Concello de Ames os vehículos e aparatos medidores (etilómetros, cinemómetros, medidores de potencia e outros equipos) que se determinen en cada caso específico. En función deste convenio, o Concello comprométese a informar á Xefatura Provincial de Tráfico, dentro da primeira quincena do mes seguinte, dos resultados da actividade levada a cabo co aparato medidor o mes anterior.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “grazas ao convenio asinado co Dirección Xeral de Tráfico a Policía Local de Ames contará coa cesión de materiais como vehículos ou equipos, así como apoio técnico en actuacións relacionadas co plan de seguridade viaria”. “Este tipo de accións están dirixidas a reforzar e mellorar a seguridade viaria dos vehículos e dos peóns”, engadiu Santiago Amor. Por último, o rexedor municipal incidiu en que “o Concello de Ames traballa na concienciación da poboación xuvenil en materia de seguridade viaria”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La Policía Local de Ames calcó casi tres multas por día en 2013"
La Voz de Galicia: "Ames controlará por radar los vehículos en colegios y travesías"
La Voz de Galicia: "La Policía de Ames atendió 111 accidentes el año pasado, 32 menos que en el 2012"




