[28-02-2014] A corporación municipal de Ames aprobou por unanimidade onte no pleno ordinario de febreiro a moción presentada para instar á Xunta de Galicia a que instaure a xornada continua no CEP de Ventín. O texto da moción foi consensuado nunha xuntanza, que tivo lugar o pasado mércores 26 de febreiro, e á que asistiron as familias afectadas, así como varios membros da corporación municipal entre os que se atopaban o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Ademais, aprobáronse por unanimidade o regulamento da Xunta Local de Seguridade, a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local polas empresas explotadoras de telefonía móbil, e a modificación do proxecto técnico dunha obra que se recolle no POS 2014.
A sesión plenaria ordinario do mes de febreiro estivo marcada pola unanimidade que mostrou toda a corporación municipal á hora de aprobar unha moción sobre a xornada continua que a comunidade educativa do Milladoiro solicita que se instaure no CEP de Ventín. Esta moción presentouse por vía de urxencia xa que non estaba recollida na orde do día. Todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal amiense votaron a favor desta moción que se acordou nunha xuntanza que se mantivo o pasado mércores, 26 de febreiro, pola noite e na que estiveron presentes o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.
Deste xeito, solicítase unha reunión urxente co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, para trasladarlle o apoio a esta demanda das 723 familias do Milladoiro que reivindican o seu dereito a poder votar un horario continuo, estable e cos mesmo servizos complementarios e de transporte que na actualidade. Nesta xuntanza estará presente o alcalde de Ames, Santiago Amor, e un representante de cada grupo municipal, así como dous concelleiros non adscritos. Tamén se insta á Xunta de Galicia para que emita un informe favorable á proposta dun horario continuo e co servizo de autobús á entrada, á saída das clases e despois de que remate o servizo de comedor que se ofrece no CEP de Ventín.
No apartado de deliberación e acordo tratáronse outros cinco puntos que tamén saíron adiante por unanimidade. Deste xeito, déuselle luz verde á aprobación inicial do regulamento da Xunta Local de Seguridade e a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local polas empresas explotadoras de telefonía móbil. Esta ordenanza ten que derrogarse acatando unha sentenza xudicial. Dende o grupo de goberno mostraron a vontade de retomar o proceso de tramitación para realizar unha nova ordenanza. Tamén se aprobou a modificación do proxecto técnico dunha obra que se recolle no POS 2014. Trátase da obra de asfaltado do acceso ao aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro e a mellora da seguridade peonil e asfaltado da zona de acceso ao Colexio de Alca.
Debate de mocións
Por outra banda, a corporación municipal debateu dúas mocións. A primeira foi presentada polos concelleiros/as non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García sobre a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Esta moción foi aprobada con 15 votos a favor e 5 abstencións. Sobre este asunto o alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “é necesario un novo centro de saúde para O Milladoiro e xa se están dando os pasos necesarios para conseguilo. Sen ir máis lonxe a semana pasada reuninme coa conselleira de Sanidade para falar das actuacións que será necesario acometer no centro de saúde do Milladoiro para solucionar os problemas que presenta”. O grupo municipal popular explicou que considera que as peticións da moción xa se están abordando en reunións que se manteñen entre a Xunta de Galicia e o Concello a nivel político e técnico nos últimos meses.
A segunda moción que se debateu foi sobre o mantemento do servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes. Esta moción foi presentada polo grupo municipal socialista e saíu adiante con 15 votos a favor e 5 votos en contra. Sobre este tema o voceiro municipal do grupo de goberno, Bernardo Moar, apuntou que “con este servizo uns 7.000 usuarios/as manteñen intactos os seus dereitos de poder empregar este servizo. Ademais, con este sistema van poder ser atendidos todos os usuarios que o soliciten e mantense a gratuidade do servizo xa que as persoas que teñen menos do 75% do IPREM non pagan nada”.




