Pestanas principais

Ames remata o 2013 con preto de 30.030 habitantes censados no padrón municipal

Luns, 30 de decembro de 2013

[30-12-2013] Un ano máis os índices de poboación de Ames continúan subindo e o municipio rematará este 2013 con preto de 30.030 habitantes censados, tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal a día de hoxe. As cifras oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE) reflectían que a finais de 2012 Ames contaba con 29.708 habitantes, o que implica que en só doce meses sumou 322 persoas máis no seu censo.

Ata o peche oficial do censo municipal deste ano, os primeiros datos estimativos amosan que o municipio comeza a consolidar a cifra dos 30.000 habitantes e continúa sendo un dos que máis medra na comunidade galega. De feito, neste 2013 rexistráronse 280 nacementos, a unha media de 24 cada mes.

Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE), hai dez anos, en xaneiro de 2004, o número de habitantes en Ames ascendía a 20.840. Nunha década esta cifra incrementouse en máis de 9.000 persoas, o que supón unha boa mostra da rápida progresión demográfica experimentada no municipio amiense.

A día de hoxe, residen en Bertamiráns e no Milladoiro 20.264 persoas. Analizando os datos por localidades, Milladoiro segue á cabeza con 12.205 habitantes censados. Mentres, en Bertamiráns están censadas 8.059 persoas. Os 9.766 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do municipio. En canto a sexos, pódese dicir que en Ames hai unha certa paridade. En total, hai censados 14.543 homes, mentres que o número de mulleres ascende a 15.485.

Con respecto á poboación procedente de fóra do concello, son 1.403 os habitantes amienses chegados doutras localidades de España e doutros países.

O alcalde de Ames fai fincapé na importancia de que Ames siga crecendo ano a ano, rexistrando novas incorporacións no padrón municipal pese á actual crise demográfica. Santiago Amor destaca que “non se trata dun éxito do Goberno actual, senón que é froito do traballo e das políticas desenvolvidas polos meus predecesores”. O rexedor considera que este incremento demográfico constante debe levar aparellado un maior apoio das diferentes institucións co obxectivo de mellorar os servizos que se ofrecen á poboación.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Solo Santiago, Ames, Negreira, Brión y Oroso ganan población"