[22-08-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, visitaron esta mañá o CEP de Ventín, que está situado na localidade do Milladoiro, onde se están a realizar as obras de ampliación por un importe de máis de 1,2 millóns de euros, que se suman á reforma xa realizada neste centro no ano 2010, que supuxo un investimento de 10.000 euros. O alcalde e o conselleiro estiveron acompañados polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, así como varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal. Nesta visita tamén participaron o xefe territorial da Consellería de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, e o director do centro educativo, Alfredo Rodríguez.
A ampliación do CEP de Ventín permitirá incrementar en 6 o número de unidades do centro, o que permitirá dar servizo a 150 alumnos e alumnas máis. Para iso, ampliarase a ala sur do colexio tanto en superficie, anexando unha zona totalmente nova, como en altura, incrementando unha planta en toda a superficie. A nova superficie resultante aloxará 8 aulas de educación primaria, apoio e desdobre, así como un patio cuberto. Por outra banda, modificarase a distribución actual do edificio reubicando determinados espazos; e darase unha renovación xeral das instalacións, de tal forma que se actuará case na totalidade da edificación.
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, sinalou que “esta ampliación é unha clara mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa comunidade escolar do concello de Ames, no que ademais se vén de inaugurar o novo IES do Milladoiro, que estará en pleno funcionamento a partires do mes de setembro”.
Xesús Vázquez lembrou, ademais, que tanto as obras de ampliación como a construción do novo instituto son dúas demandas históricas da comunidade educativa do concello amiense ás que veu dar resposta o actual Goberno galego. Neste mesmo sentido sinalou a importancia que estas inversións, en prol do ensino público, dánse nun contexto económico desfavorable, no que outras Comunidades Autónomas case non están sacando adiante obras en centros educativos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu o investimento que a Xunta de Galicia está facendo na mellora das instalacións do CEP de Ventín “xa que se trata dunhas obras de ampliación moi demandadas pola veciñanza amiense e que permitirán dar resposta ás necesidades que presenta o centro educativo”. O rexedor amiense tamén destacou que en menos dun mes abrirá as portas o novo instituto do Milladoiro coincidindo co inicio do curso 2013-2014.
Ao remate da visita ás obras o alcalde e conselleiro de Educación mantiveron un encontro con representantes da oposición municipal, no que lle explicaron que os traballos de ampliación do CEP de Ventín se desenvolverán coas máximas garantías de seguridade e as mínimas molestias para a actividade do centro educativo.
O apoio da Consellería de Educación a este centro escolar maniféstase tamén a través do apoio aos programas educativos que nel se desenvolven, tales como a participación do mesmo no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o primeiro curso de funcionamento do mesmo. Non en balde, o departamento educativo da Xunta de Galicia leva investindo 23.100 euros en prol das actividades realizadas na biblioteca escolar e melloras do seu equipamento; ademais de ter instalado no CEP unha aula dixital.
Novo IES do Milladoiro
O vindeiro curso comezará a funcionar tamén no Milladoiro un novo instituto. Este centro educativo contará cun total de 612 prazas que darán resposta ás necesidades crecentes do concello de Ames. A posta en marcha deste centro supón un investimento de máis de 8 millóns de euros por parte da Consellería de Educación, resultando da construción, equipamento, gastos de funcionamento e de persoal do IES.
O alcalde e o conselleiro estiveron acompañados polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, así como pola concelleira do grupo socialista, Isabel González, e dos concelleiros/as dos grupos de non adscritos, Anxo Doval, Susana Mayo e Alfonso Rey. Nesta visita tamén participaron o xefe territorial da Consellería de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, e o director do centro educativo, Alfredo Rodríguez.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Educación garantiza o transcurso normal do curso escolar en Ventín"
La Voz de Galicia: "Las obras en el colegio de Milladoiro evitarán buena parte de la jornada lectiva"




