Pestanas principais

Este venres, 12 de xullo, continúa o festival de verán Encontros Culturais no Pazo da man do grupo Pesdelán

Venres, 12 de xullo de 2013

[12-07-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, está desenvolvendo durante a primeira quincena do mes de xullo o festival "Encontros Culturais no Pazo". Este evento pretende impulsar e dinamizar a cultura galega, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais. O festival comezou o pasado 5 de xullo cun concerto de Roi Casal e co espectáculo de rúa Peter Punk. Para este venres, 12 de xullo, está programado un obradoiro de danza e un concerto a cargo do grupo Pesdelán. Este evento está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística.

O festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' continúa este venres 12 de xullo. Nesta ocasión, o tema central da xornada será o baile, que chegará da man do grupo Pesdelán. Ás 20:00 horas, Pesdelán, integrado por sete membros, ofrecerá no Pazo da Peregrina un obradoiro de danza ao que poden asistir todas as persoas interesadas. Seguidamente, ás 22:00 horas, ofrecerán unha actuación que leva por título 'Na punta do pé'.

O grupo Pesdelán nace da unión de músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Berrogüeto, Leilía, Susana Seivane Grupo, etc). O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos arranxados de xeito orixinal e divertido. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, pretende recuperar o espírito participativo das festas. O seu obxectivo é substituír o concepto de público espectador polo de público participante.

A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que o festival de verán “nace con moita ilusión, con vontade de continuidade e con vocación de converterse nunha cita ineludible dentro do panorama cultural galego”. A concelleira subliñou, ademais, os obxectivos cos que nace este festival: “impulsar e dinamizar a nosa cultura, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais”.

Actuacións de Roi Casal e Peter Punk
O programa do festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' xa comezou o venres pasado. A xornada festiva comezou ás 20:00 horas coa actuación de Peter Punk, que ofreceu aos preto de cen nenos e nenas que se achegaron ata os exteriores do Pazo da Peregrina un espectáculo no que combinou técnicas circenses e moito humor.

Dúas horas despois, ás 22:00 horas, foi a quenda do artista galego Roi Casal, que subiu ao escenario situado nos xardíns do Pazo para presentar xunto coa súa banda os temas do seu último traballo, titulado 'Maxicamente vello' e co que xa realizou unha xira de máis de 50 concertos. Roi Casal e a súa banda, que ten como vocalista a Silvia Ferre, fixeron bailar ao público e animaron a festa interpretando diversos temas da súa discografía. O concerto contou cunha sorpresa: a participación de Nando Casal, pai de Roi e compoñente do grupo Milladoiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Continúa o festival de verán Encontros Culturais no Pazo da man do grupo Pesdelán"
El Correo Gallego: "Pesdelán faite mover os pés"