Pestanas principais

Comezan en Ames as terceiras xornadas sobre violencia de xénero, que abordarán a súa incidencia nas mulleres maiores e o tratamento nos medios de comunicación

Luns, 15 de abril de 2013

[15-04-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, asistiron esta tarde á inauguración das III Xornadas de Violencia de Xénero, que tratarán a súa incidencia nas mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Na inauguración, celebrada no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, tamén participaron a Xefa da Unidade de Coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno, Emilia González Sánchez, e o deputado provincial Antonio Cañás Varela. Tras a presentación das xornadas interveu Luis Lorenzo Mur, xerente adxunto do Consorcio Galego de Igualdade, para ofrecer a primeira charla destas xornadas.

Programa das xornadas
Na segunda xornada, que se celebrará o 17 de abril, trataranse os aspectos xurídicos da violencia de xénero cando as mulleres son maiores. Para iso a directora do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de violencia de xénero, Begoña Rivera, impartirá unha conferencia sobre este tema.

O punto de vista psicolóxico tamén estará presente nestas xornadas, xa que durante a terceira xornada, que se desenvolverá o día 23 de abril, trataranse os aspectos psicolóxicos diferenciais das mulleres maiores que sofren este tipo de violencia. Para iso a psicóloga no CIM do Concello de Coirós, Cándida Rodríguez Ferro, fará unha análise sobre os aspectos psicolóxicos que se deben ter en conta na violencia de xénero.

O día 24 de abril, analizarase a incidencia da violencia de xénero nos medios de comunicación, abordando o tratamento que se fai desta información e a necesidade da prevención da violencia e da promoción da igualdade. Nesta ocasión intervirá a xornalista Carla Reyes. Esta xornada complementarase cunha mesa redonda na que se falará sobre a prostitución en mulleres maiores e o seu incremento debido á crise económica. A mesa redonda estará moderada por Carla Reyes e nela participarán a xornalista María Méndez e o portavoz da Asociación de Homes Galegos Pola Igualdade, Celso Taboada.

Por último, a formación presencial rematará o 26 de abril cunha xornada que se dedicará a tratar a violencia de xénero desde o punto de vista social, incidindo nos aspectos sociolóxicos das mulleres maiores galegas. Nesta xornada intervirá a portavoz da Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados, Marta González.

Esta acción formativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, ten unha duración de 40 horas, 26 a distancia utilizando un manual de formación específico e 14 presenciais. A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 15 e o 26 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao remate, o alumnado recibirá un diploma acreditativo da súa asistencia ás xornadas.

Na súa intervención, o alcalde de Ames incidiu en que a través desta formación, os asistentes “coñecerán as características diferenciais do maltrato que poden chegar a sufrir as mulleres maiores, unha cuestión complexa e que amosa moitas facianas distintas”. Santiago Amor destacou que “trátase, sen dúbida, dunha problemática á que é necesario dar visibilidade para saber cómo afrontala, xa que moitas veces, por diferentes cuestións como o medo a denunciar, queda agochada no ámbito familiar e non transcende”. O rexedor apostou pola “sensibilización, formación e información” para loitar contra a violencia de xénero e fixo un chamamento á denuncia, subliñando, ao igual que a secretaria xeral de Igualdade, que “hai saída da violencia de xénero”.

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que felicitou ao Concello de Ames pola celebración destas xornadas, tamén fixo fincapé “na importancia do traballo conxunto entre as administracións para atallar a violencia de xénero, un problema de primeira magnitude”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, subliñou que o obxectivo destas xornadas “é motivar unha profunda reflexión sobre os retos na atención ás mulleres maiores como víctimas da violencia de xénero”.