[07-02-2013] A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou esta mañá a adxudicación do programa Amessan, que iniciará a súas actividades o vindeiro luns, 18 de febreiro. Esta iniciativa, impulsada polas áreas de Benestar Social e a Oficina de Voluntariado (OVA), estenderase ata a última semana mes de xuño e incluirá máis de 16 actividades, entre manualidades, ximnasia, ludotecas cognitivas música e charlas sobre saúde ou temas de interese para os maiores amienses. O programa de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores Amessan foi adxudicado á empresa Esproade, cun importe total de 72.690,75 euros por dúas tempadas.
Amessan ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. As actividades incluídas neste programa desenvolveranse nas Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns e nos locais sociais de Agrón, Augapesada, Ameixenda, Trasmonte, Bugallido, Tapia, Piñeiro, Tarroeira e Covas. As iniciativas programadas son o obradoiro de manualidades 'Creando fogares', o taller de música e baile tradicional 'Ao son da sacha', ximnasia terapéutica, ludoteca cognitiva e a actividade de Coro, para a formación dunha coral en Bertamiráns.
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades que compoñen Amessan poden anotarse a través do número de teléfono 672071561 ou achegándose aos distintos lugares nos horarios nos que se realizarán as clases. Os grupos terán que ser dun mínimo de oito persoas e dun máximo de 20. Se se supera este número establecerase unha lista de agarda. A inscrición farase o primeiro día de clase e deberá achegarse fotocopia do DNI.
Horarios e lugares
A actividade de manualidades Creando Fogares impartirase nos locais sociais de Agrón e Augapesada. En Agrón, o horario da actividade será os martes entre as 17:00 e as 19:00 horas. En Augapesada, as clases serán os xoves de 18:00 a 20:00 horas.
A música e o baile tradicional serán os protagonistas da actividade 'Ao son da sacha', que se ofrecerá na Ameixenda, Trasmonte e na Aula 4 da Casa da Cultura do Milladoiro. No local social da Ameixenda, a actividade será os mércores de 18:30 a 20:30 horas. En Trasmonte, as clases serán os luns en horario de 19:00 a 21:00. Por último, no Milladoiro serán os venres entre as 16:30 e as 18:30 horas.
Outra das actividades incluídas no programa Amessan será a xerontoximnasia ou ximnasia terapéutica, a través da que se potenciará a actividade motriz e as habilidades cognitivas dos maiores. As clases serán en Tapia, Casa da Cultura de Bertamiráns, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Casa da Cultura do Milladoiro. No local social de Tapia, as clases serán os martes e xoves de 19:00 a 20:00 horas. En Bertamiráns, no salón de actos da Casa da Cultura, a ximnasia impartirase os martes e xoves de 12:00 a 13:00 horas e os luns e mércores de 17:30 a 18:30 horas. No local de Piñeiro, as clases serán os luns e mércores de 19:00 a 20:00 horas, mentres que na Tarroeira serán os luns e mércores de 20:30 a 21:30 horas. Mentres, na Casa da Cultura do Milladoiro haberá ximnasia os mércores e venres de 10:00 a 11:00 e os martes e xoves de 18:30 a 19:30.
Os maiores que queiran participar en Amessan tamén poden optar pola iniciativa Ludoteca Cognitiva, que incluirá actividades orientadas a mellorar a memoria. Neste caso, as clases impartiranse no local social de Covas e nas Casa da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. En Covas, as actividades impartiranse os días luns e mércores de 16:30 a 17:30. En Milladoiro, a actividade desenvolverase nas aulas 2 e 3 da Casa da Cultura os luns e mércores de 19:30 a 20:30 horas. Mentres, en Bertamiráns a clase será na Aula de Usos Múltiples da Casa da Cultura os luns e mércores de 18:00 a 19:00 horas.
Por último, haberá unha actividade orientada á formación dun coro musical. Esta actividade ofrecerase os mércores de 18:30 a 20:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Ademais deste conxunto de iniciativas, Amessan tamén incluirá ao longo destes meses outras actividades, conferencias e coloquios sobre temas relacionados coa saúde, co lecer das persoas maiores ou coa xubilación. Con todo, os horarios poderán sufrir algunha modificación derivada de cuestións organizativas que serán comunicadas con antelación.
Hábitos de conduta saudables
O programa Amessan ten como obxectivo promover hábitos de conduta saudables e está dirixido ás persoas adultas e anciáns amienses. A través das diferentes actividades integradas neste programa, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.
Este programa ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. Isto conséguese a través de varias actividades que traballan a prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores e persoas con discapacidade. Coa realización destas actividades preténdese que as persoas participantes se divirtan ao mesmo tempo que promoven a súa saúde, sendo o obxectivo do programa fomentar a autonomía, independencia e a participación social das persoas maiores e persoas con discapacidade do Concello de Ames.





