[16-01-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co representante da empresa Xabre Obra Civil o contrato para a execución das obras de mellora da seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín. En total, investiranse 54.035 euros en mellorar a seguridade dos peóns que transitan por esta zona. Estas obras están incluídas nun convenio asinado coa Deputación da Coruña, que permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.
Na zona na que se pretende actuar existe unha vía asfaltada, prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido, cun ancho medio de 4,30 metros e limitada por cunetas sen ningún tipo de acondicionamento para uso peonil. A vía soporta unha gran carga de tráfico, xa que comunica como estrada máis curta ós núcleos de Bertamiráns e Milladoiro.
As obras que se levarán a cabo permitirán mellorar a seguridade dos peóns que circulen por esta zona. Os traballos a executar consisten na colocación na cuneta dun colector de pluviais e de saneamento en PVC, previa colocación dunha capa de area e, sobre esta canalización, executarase unha soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos peonís levarán no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.
Tanto estas obras, como as da segunda fase de pavimentación de Lapido ou as de mellora e acondicionamento da Travesía do Porto acometeranse en canto o permitan as condicións meteorolóxicas.




