Pestanas principais

Un total de 22 persoas participan na primeira xornada do obradoiro de decoración natural de Nadal

Luns, 03 de decembro de 2012

[03-12-2012] Este sábado pasado a Aula da Natureza acolleu a primeira xornada do obradoiro de decoración natural de Nadal. Nesta actividade participaron un total de 22 persoas de idades moi diferentes (dende nenos/as de 4 anos ata persoas adultas). Nesta primeira xornada os participantes comezaron a elaborar unha árbore de Nadal para colgar na parede, unha bola de cordas e unha pequena bandexa con forma de folla de vide, onde se poderán colocar as doce uvas que se comen a noite de fin de ano. Esta actividade continuará o vindeiro 15 de decembro, entre as 11:00 e as 13:00 horas, na Aula da Natureza.

A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, segue desenvolvendo varios obradoiro para que todos os veciños e veciñas de Ames pasen un sábado entretido en familia. Deste xeito, organizouse un obradoiro de decoración natural de Nadal. Esta actividade é totalmente gratuíta e está dividida en dúas xornadas. A primeira sesión realizouse o pasado sábado, mentres que a segunda xornada desenvolverase o sábado 15 de decembro.

Este sábado pasado os participantes comezaron a elaborar diferentes adornos de Nadal. En primeiro lugar comezaron a montar unha árbore de Nadal, que poderán colgar na parede das súas casas. Para elaborar este adorno empregaron paus e ramas de árbores. Ademais, tiveron que tinguir os filtros de café usados, que na próxima xornada empregarán para elaborar as flores coas que se decorarán estas árbores de Nadal. Unha vez tinguidos estes filtros deixáronos secando para poder empregalos o próximo 15 de decembro.

Por outra banda, os participantes aprenderon a elaborar bolas de Nadal, que fixeron con cordas, cordeis e diferentes fíos. O proceso de elaboración que tiveron que seguir foi moi sinxelo. Primeiro inflaron un pequeno globo. Despois cubriron este globo con corda, cordel ou fío e impregnouse con cola. Estas bolas tamén quedaron a secar para seguir traballando con elas o vindeiro día. Unha vez secas terán que pinchar o globo e decorar as bolas.

O último traballo que realizaron foi un pequena bandexa con forma de folla de vide, onde se poderán colocar as doce uvas que se comen a noite de fin de ano. Para elaborar a bandexa empregaron pasta de modelar e pasta de sal. Na segunda xornada do obradoiro rematarán todos estes traballos. Ademais, farán un pequeno moneco de neve (empregando pinzas da roupa) e diferentes elementos de decoración de Nadal.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Taller de temporada para amienses"
El Correo Gallego: "Un total de 22 persoas participan na primeira xornada do obradoiro de decoración natural de Nadal en Ames"