Pestanas principais

Un total de 193 nenos e nenas comezan un novo curso na Escola Municipal de Música de Ames

Luns, 01 de outubro de 2012

[01-10-2012] Coa chegada do mes de outubro a Escola Municipal de Música de Ames reabre as súas portas. Hoxe comeza oficialmente o curso 2012-2013 na EMMA cun total de 193 nenos e nenas matriculados. A escola leva funcionando dende o curso 2004/2005 como un centro de promoción e formación da cultura musical no municipio tentando ser a base de futuras formacións musicais que se creen en Ames. Este ano como principal novidade as clases impartirase todas no edificio de usos múltiples de Aldea Nova. O pasado mércores, 26 de setembro, realizouse unha xuntanza informativa previa ao inicio do curso para informar dos grupos e horarios de cada materia que se imparte na EMMA.

Durante este curso, a Escola Municipal de Música de Ames conta con preto de 200 alumnos/as matriculados/as en distintas especialidades musicais, con idades a partir dos 4 anos en adiante. Concretamente para o curso 2012-2013 hai un total de 193 rapaces e rapazas matriculados na EMMA. Desde sempre a escola mantivo unha boa porcentaxe de alumnos/as. De feito a media de nenos/as matriculados/as durante os nove cursos que leva funcionando a escola de música e é de 150. No seu primeiro ano de existencia a escola de música tivo 182 alumnos/as matriculados. Durante os seguintes cursos o número de usuarios foi de 95, 119, 124, 96, 145, 194 e 190 alumnos/as ata chegar aos 193 deste curso.

Por primeira vez este ano todas as clases impártense no edificio de usos múltiples de Aldea Nova. O goberno municipal dotou á Escola Municipal de Música dunha sede fixa en Aldea Nova. As principais actuacións que se levaron a cabo nas aulas foron a insonorización do teito e a cobertura das paredes con paneis acústicos. Durante o curso pasado xa se comezaron a impartir algunhas clases da EMMA nestas instalación, xa que se contaba con seis aulas acondicionadas para este fin. Este ano acondicionáronse dúas aulas máis, polo que en total contase con oitos aulas. O horario de cada neno/a estableceuno a mestra en función da idade e dos coñecementos de cada un deles.

Oferta educativa da EMMA

A oferta educativa, coma sempre, estará orientada a nenos e nenas de 4 anos para diante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os nenos/as que teñen de 4 a 7 anos. Este ano realizaranse varios cambios na organización da materia de música e movemento. Vanse seguir impartindo dúas horas á semana (unha hora impartirase como ata agora e a outra hora estaría dividida en dúas partes: media hora dedicada á percusión tradicional e outra media hora de audicións coa profesora de canto moderno).

Para os maiores de 7 anos a EMMA segue ofrecendo as materias que se viñan impartindo en cursos anteriores. Entre estas materias están Linguaxe Musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento, e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna.

Por outra banda, impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos como piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. Por último, ofértanse clases de canto moderno, que teñen unha duración dunha hora e media á semana. Estas clases están dirixidas a nenos/as a partir de 7 anos. Para poder participar nas clases de canto moderno haberá que realizar unha proba de acceso previamente.

Os alumnos/as que están matriculados en clases instrumentais poden ademais optar a participar nas agrupacións musicais, orquestra de frautas e saxofóns, agrupacións de violín-viola, coro de voces e combos, que se seguen impartindo durante este curso e de forma gratuíta.

Para solventar calquera dúbida poden enviar un correo electrónico ao enderezo escolademusica@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 981 535 940, en horario de 9:30 a 13:00 horas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Arranca un nuevo curso en la EMMA con cerca de doscientos alumnos"