Pestanas principais

A Escola de Música de Ames saca novas prazas para a materia de música e movemento, destinadas a nenos e nenas nados nos anos 2006 e 2008

Luns, 10 de setembro de 2012

[10-09-2012] A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) iniciará a vindeira semana o prazo de inscrición para novas prazas na materia de música e movemento, destinadas a alumnos e alumnas nados nos anos 2006 e 2008. A inscrición, que se levará a cabo entre os días 18 e 26 de setembro, poderá realizarse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou na Casa da Cultura do Milladoiro, entre as 9:30 e as 13:00 horas. Os interesados e interesadas poden solicitar máis información na dirección escolademusica@concellodeames.org e no teléfono 981535940. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre as novas prazas para a materia de música e movemento, así como os impresos de matrícula, pagamento e domiciliación bancaria.

En total, a EMMA oferta 9 novas prazas para a materia de música e movemento. Delas, un total de seis están destinadas a rapaces e rapazas nados no ano 2008. As clases, que se impartirán ao igual que o resto das materias no multiusos de Aldea Nova, para os alumnos e alumnas desta idade serán os luns e os mércores entre as 17:30 e 18:30 horas. As outras tres prazas serán para os nenos e nenas nados no 2006. Neste caso, as clases impartiranse os luns e os mércores de 18:30 a 19:30 horas.

A EMMA prevé unha serie de exencións e bonificacións para os alumnos e alumnas. Deste xeito, haberá exencións para usuarios/as, calquera que sexa a súa idade, cando a unidade familiar teña uns ingresos inferiores ao IPREM vixente; para os menores de 18 anos pertencentes a familias numerosas e para o terceiro ou restante membro da unidade familiar inscrito. Ademais, terán bonificacións os menores de 18 anos de idade que pertenzan a familias con ingresos anuais netos por membro da unidade familiar inferior ao 50% do IPREM anual.

Para realizar a inscrición, os interesados e interesadas deben presentar cuberta a folla de matrícula, na que se inclúen os datos do alumno ou alumna e a autorización dos pais ou titores. En caso de haber máis solicitudes que número de prazas, realizarase un sorteo o vindeiro mércores, 26 de setembro, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas. Despois do sorteo, darase de prazo ata o 28 de setembro para que os que teñan praza a confirmen, mediante a entrega de dúas fotos, do recibo do pagamento da cota de matrícula e da domiciliación bancaria. Coas persoas que non obteñan praza elaborarase unha lista de agarda para cubrir baixas no curso 2012-2013.

As clases da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) comezarán o 1 de outubro e rematarán o 21 de xuño de 2013. Seguindo o calendario escolar, non haberá clases nas vacacións de Nadal, Semana Santa e Entroido. Todas as clases impartiranse no multiusos de Aldea Nova.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Más plazas en la escuela de música de Ames, en el multiusos de Aldea Nova"