Pestanas principais

O Concello de Ames celebrará os días 7, 8 e 12 de xuño un seminario de xeración e maduración de ideas empresariais

Martes, 29 de maio de 2012

[29-05-2012] O Concello de Ames, en colaboración con BIC Galicia e o IGAPE, celebrará os días 7, 8 e 12 de xuño o seminario de xeración e maduración de ideas que ten como obxectivo impulsar a creación de novas empresas no municipio. Ao longo das tres sesións, os participantes, que poden inscribirse ata o 1 de xuño na Casa do Concello, desenvolverán as súas ideas mediante un proceso de maduración e posterior avaliación para conseguir facerse un oco no tecido empresarial coas súas propostas máis atractivas. O curso, que terá unha duración de 15 horas, impartirase nun horario de 09,00 a 14,00 horas no Edificio de Usos Múltiples de Aldea Nova.

O seminario, impartido grazas á colaboración da Concellaría de Promoción Económica co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e co Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), comezará o vindeiro 7 de xuño. Nesta primeira sesión, que terá unha duración de cinco horas, os asistentes comezarán o proceso de xeración de ideas para crear unha empresa.

Na seguinte xornada, que se celebrará o 8 de xuño, os asistentes aprenderán a transformar as súas ideas de empresa en ideas de negocio. Este proceso permite establecer unha pautas a seguir de maneira que se clarifican as características do proxecto. Esta xornada denominase de maduración. Por último, o 12 de xuño pecharase este obradoiro cunha xornada de cinco horas na que se levará a cabo a avaliación da idea empresarial.

O Concello de Ames, coñecedor da importancia que ten o tecido empresarial do pequeno comercio como motor económico e xerador de emprego, está a apostar forte pola formación de todos aqueles emprendedores que se decidan a poñer en marcha novas iniciativas empresariais.

Deste xeito, seminarios formativos coma este teñen como principal obxectivo xerar, madurar e avaliar, dunha maneira sinxela, unha idea de negocio e ver as posibilidades que ten para converterse nun proxecto de empresa. Isto axudará aos futuros emprendedores a dispor dun punto de partida co que comezar o seu negocio.