Pestanas principais

Xa se coñecen os premiados no IX Certame Literario do Concello de Ames e na cuarta edición do Certame Artístico Literario Intercentros

Luns, 14 de maio de 2012

[14-05-2012] A novena edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía e a cuarta do Certame Artístico-Literario Intercentros xa teñen os seus gañadores. A entrega de premios destas dúas actividades terá lugar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe completa dos premiados no IX Certame Literario do Concello de Ames e na cuarta edición do Certame Artístico Literario Intercentros.

No caso do IX Certame Literario, o xurado, composto por Charo Pita, Xosé Antonio López Silva, Teresa Noya e Rosa Moreiras reuniuse onte, 13 de maio, para decidir os gañadores do concurso. Na primeira categoría de narrativa, para rapaces de ata 13 anos, o primeiro premio recaeu na obra 'O jazz dos soños', da amiense Carmela Vieites Figueiras. O segundo premio caeu nas mans do vigués Fiz Pazos González co título 'O trasno da carballeira'. O terceiro premio foi para 'A fabulosa aventura de Tito', do vigués Mario Goberna Rial.

Na segunda categoría de narrativa, dirixida a persoas de entre 14 e 18 anos, o primeiro premio recaeu no amiense Xaime Santiago Subiela coa obra 'Un entre un millón'. O segundo premio foi para Sara Azidane Chenlo, de Pontecesures, coa obra 'Onde está Wally?' e o terceiro para Aroa Otero Miguéns, de Rois, co título 'Orfo'.

Na terceira e última categoría desta modalidade, dirixida aos maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para a ribeirense María do Carme Martínez coa peza 'O alcalde e a morte'. A segunda posición acadouna o noiés Ismael Ramos co traballo 'Miranda e os peixes' e o terceiro premio foi para 'A morte de Luís Silva', de Alberto Sierra Hevia, de Rianxo.

Na modalidade de poesía os premios tamén se repartiron en tres categorías diferenciadas polas idades dos participantes. A primeira categoría, onde a idade máxima é de 13 anos, o primeiro posto foi para a teense Claudia Quintáns Vinke coa obra 'Gustaríame'. O segundo premio foi para Xián Pazos González, de Vigo, coa peza 'O lume en Galiza' e no terceiro posto quedou a viguesa Lara Castro Taboada co seu traballo 'Divertirse'.

Na segunda categoría, que acolle os participantes dos 14 aos 18 anos, o primeiro premio foi para Marcela Porto Mato, da Estrada, coa peza 'No intre agre do café'. No segundo posto quedou Afonso Francisco Traficante Fernández, de Ordes, co traballo 'Vestixios' e o terceiro premio acadouno a compostelá Helena Salgueiro Golán co título 'Autodestruírnos'.

Na terceira categoría que abrangueu a todas as persoas maiores de 18 anos, o primeiro premio foi para a obra 'Epitalamio das cebolas' do amiense Carlos Callón Torres. O segundo premio foi para Xulio Cid Neira, de Ames, coa súa obra 'Sen título', mentres que o terceiro premio recaeu no traballo 'En vida, morta' de Rocío Leira Castro, de Cee.

Certame Intercentros

O Certame Artístico Literario Intercentros está dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria do Concello de Ames. Nestes centros levouse a cabo unha primeira selección de traballos, e chegaron ao Concello un total de 48 traballos.

Nesta cuarta edición, o primeiro premio na primeira categoría, no que participaban rapaces e rapazas de terceiro e cuarto de primaria, foi para Eva Mourón Taboada, do CEIP A Maía, que presentou a obra 'Ágraba'. O segundo premio recaeu nas mans de Noelia Liduino Beiras, do CEIP A Maía, co texto 'O galego no século XXII', e o terceiro premio foi para Ana Enríquez Rubal, tamén do CEIP A Maía, que escribiu unha historia titulada 'O país de chicle'.

Na segunda categoría, na que participan rapaces e rapazas de quinto e sexto de primaria, o primeiro premio foi para a obra 'Equipo G' de Eva Santamaría e Inés Vieiro, do CEIP A Maía. O segundo posto acadarano Carme Castro e Graciela Framil, do CEIP A Maía, coa obra 'O ladrón de palabras'. O terceiro premio foi para o texto 'A árbore da lingua', realizado por Alba Meijide Castro, do CEIP Agro do Muíño.