[27-04-2012] O Concello de Ames decidiu suspender a I Andaina Solidaria por Ames que se ía desenvolver este domingo 29 de abril. As previsións meteorolóxicas apuntan que este domingo vai chover e, por este motivo, decidiuse trasladar esta andaina a outra data, aínda por definir, para que os camiñantes poidan gozar desta actividade sen mollarse. A andaina, que discorrerá pola senda verde, desenvolverase nas vindeiras semanas. Seguirá mantendo os dous puntos de partida, Bertamiráns e O Milladoiro. Os participantes camiñarán ata un punto de encontro que será o campo da festa de Bugallido. Posteriormente, volverase cara ao punto de partida. As persoas que saian dende O Milladoiro percorrerán unha distancia de 14 quilómetros, mentres que as persoas que partan dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, andarán 12 quilómetros.
Este domingo non se poderá celebrar a primeira andaina solidaria por Ames. O motivo desta suspensión é a previsión meteorolóxica para este domingo 29 de abril que indica que haberá intervalos de ceos anubrados con chuvascos. Por este motivo dende a concellaría de Deportes creron que era mellor para o desenvolvemento da actividade a suspensión da andaina e realizala noutra data na que as condicións meteorolóxicas sexan mellores para a práctica deste deporte.
Dende a concellaría de Deportes incídese en que esta actividade se vai desenvolver nas vindeiras semanas tal e como estaba previsto. Cómpre lembrar que esta actividade está organizada polo concello de Ames en colaboración co Club de Atletismo Milla Raio e Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. Trátase dunha actividade deportiva para recadar fondos para as persoas máis desfavorecidas do concello. Os fondos recadados entregaránselle a Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns.
Esta andaina desenvolverase pola senda verde, que une Bertamiráns e O Milladoiro a través de vellos camiños e novas pistas forestais, que percorren zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. Haberá dous puntos de partida, unha na Praza do Concello, en Bertamiráns, e outra no parque infantil de Ventín, no Milladoiro. As persoas que saian dende O Milladoiro andarán unha distancia de 14 quilómetros, mentres que os participantes que partan dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, percorrerán 12 quilómetros.
Os camiñantes encontraranse nun punto intermedio, no campo da festa de Bugallido. Neste lugar establecerase un punto de avituallamento. Posteriormente, os camiñantes volverán cara ao punto de partida. A andaina terá unha dificultade media e está dirixida ás persoas que lles guste camiñar e gozar da natureza.




