Pestanas principais

O Auditorio de Galicia acollerá este sábado a fase comarcal do Club do Debate

Venres, 13 de abril de 2012

[13-04-2012] O sábado 14 de abril celébrase a fase comarcal do Club de Debate na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Participarán un total de nove equipos de escolares de secundaria dos concellos de Ames e da comarca (tres equipos de Ames, tres de Teo, un de Rois e dous equipos de Santiago). Esta iniciativa foi posta en marcha a través dos Servizos de Normalización Lingüística destes municipios. Os rapaces e rapazas debateran sobre o tema “¿Deben os poderes públicos promover a diversidade lingüística?”. O Club do Debate busca traballar nos escolares conceptos como a comunicación, a oratoria e a lingua a través dunha ferramenta como son os equipos de debate, cunha posta en escena que lles pode resultar moi atractiva. A comezos do mes de marzo os nove equipos asistiron no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a un curso de formación de cara á fase comarcal que se celebrará en Santiago este sábado 14 de abril.

Cada equipo debaterá dúas veces, unha coa posición a favor e outra en contra. O xurado emitirá unha puntuación e, e ao final do día, os dous que máis puntos sumen serán os premiados: 500 euros para o primeiro e 300 euros para o segundo. Os premios non son en metálico, senón en material cultural ou deportivo (libros, discos, informática...) segundo a súa elección. O xurado estará formado por catro persoas: unha xornalista, un escritor, unha profesora e unha técnica de normalización lingüística.

Na fase local na que participan Ames, Rois, Santiago e Teo cada equipo participante traballará sobre o tema "Deben os poderes públicos protexer e promover a diversidade lingüística?". O alumnado participante ten entre 16 e 18 anos. De Ames participan tres equipos do IES de Ames e teñen como mestres preparadores a María Xesús García Otero, Carmen Fariña Miranda e Xosé Manuel Fernández López.

De Rois anotouse un equipo do CPI dos Dices co profesor Luis Gómez Aldegunde como titor. Santiago achega dous equipos, da Compañía de María e terán como preparadoras a Ángela Trillo Díaz e a Laura Rodríguez Fraga. Finalmente Teo conta con tres equipos do IES de Cacheiras e os seus mestres preparadores son Ramón Cruces Colado, Xosé Manuel Maceira Fernández e Leonardo Fernández Campos coñecido artísticamente como Leo i Arremecaghona. Tamén cabe destacar o traballo de coordinación dos equipos de normalización dos centros escolares, que mantiveron unha estreita colaboración cos equipos municipais.

O primeiro clasificado competirá o día 28 de abril na final, que se celebra en Pontevedra, co tema: "Os usos das novas tecnoloxías favorecen as relacións sociais". O premio final é unha viaxe valorada en 5.000 euros para un grupo máximo de 25 membros (poden convidar os seus compañeiros), que tamén incluirá contidos culturais e ambientais.

O Club de Debate é unha iniciativa promovida polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Santiago, Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña, Ferrol, As Pontes, Pontevedra, Oleiros, Rois, Teo e Vigo. O seus obxectivos son favorecer o emprego da lingua galega na mocidade; traballar no afondamento e no coñecemento dunha das habilidades sociais máis importante: a fluidez comunicativa, ligada á oratoria; incitar o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade; e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.