Pestanas principais

Comezan as actividades programadas para este ano na Aula da Natureza coa presentación de traballos do máster de Biodiversidade da USC

Xoves, 02 de febreiro de 2012

[02-02-2012] Alumnos do máster de Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela presentaron os seus traballos esta mañá na Aula da Natureza de Ames, que está situada na parroquia de Ameixenda. Media ducia de alumnos do máster de Biodiversidade, dependente do departamento de zooloxía e tipoloxía da USC, coñeceron as instalacións da Aula e presentaron traballos de distintas temáticas, coma “A biodiversidade da mata atlántica” ou “Os lemúridos de Madagascar”. O director e profesor do máster, Carlos Otero, explica que a materia do curso se divide en clases teóricas e un traballo relacionado coa biodiversidade cuxa temática pode ser elixida libremente polos alumnos. Coa presentación destes traballos dá comezo a programación de actividades da Aula da Natureza de Ames.


A concellería de Medioambiente do concello de Ames, que dirixe Eugenia Martín, está traballando para que as universidades galegas e outras entidades teñan en conta á Aula da Natureza de Ames coma unha entidade medioambiental coa que poden contar para diferentes actos. Previsiblemente, a Aula da Natureza será sede de cursos de verán da USC e de charlas de temática relacionada co medio ambiente e co desenvolvemento sostible.

Os alumnos do máster de Biodiversidade recibiron como agasallo a guía da Ruta de Riamontes, un espazo amiense que reúne condicións de alta biodiversidade. De igual xeito unha técnica municipal ofreceulles unha visita guiada pola Aula da Natureza e puideron coñecer os seus sistemas de bioconstrución, aproveitamento de especies vexetais, ou a lagoa de depuración por macrófitas en suspensión (unha mostra de depuración ecolóxica).



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Dan comezo as actividades programadas para este ano na Aula da Natureza de Ames"