Pestanas principais

Remata a primeira quenda da Escola de Verán

Xoves, 14 de xullo de 2011

[14-07-2011] A Escola de Verán de Bertamiráns contou coa participación de 147 cativos e cativas na primeira quenda de actividades que finaliza este venres. A rapazada realizou tarefas relacionadas coa saúde mediante a práctica de actividades deportivas e de expresión plástica e musical.


Os rapaces e rapazas de Bertamiráns remataron a primeira quenda da Escola de Verán coa realización de actividades vinculadas coa temática Aprendo a coidarme. Neste programa, os nenos e nenas realizan labores deportivos ao tempo que desenvolven a súa capacidade plástica e musical. 147 pequenos e pequenas participaron na primeira quenda deste programa lúdico que organiza o Concello de Ames en Bertamiráns. Moitos son os participantes que, ano tras ano, repiten neste espazo de entretemento que ten por obxecto conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas. Porén, a finalidade fundamental deste programa está vinculada á aprendizaxe e ao divertimento dos máis pequenos do concello.

Trece monitores e monitoras recollen ás 9.00h da mañá os rapaces e rapazas que, de luns a venres, participan na Escola de Verán. Coas pilas cargadas, os nenos e nenas comezan a súa xornada lúdica coa realización de actividades plásticas e musicais que os manteñen entretidos ata as 11.30 h. En función dos grupos de idade establecidos, os e as participantes desenvolven diversas tarefas entre as que destacaron a construción de floreiros por parte dos nenos e nenas de 9 a 12 anos e a elaboración de pequenas serpes decorativas por parte dos rapaces e rapazas de 3 anos. Por outra banda, realizan traballos de cultivo de diversos produtos como a leituga, o pemento e o perexil. Trátase, polo tanto, de actividades que non só están dirixidas ao divertimento dos máis pequenos e pequenas senón que pretenden lograr a adquisición dos coñecementos básicos para unha vida cotiá saudable.

Despois dunhas horas de intensa actividade, os nenos e nenas precisan recuperar forzas. Aproximadamente ás 12.30 h, lévase a cabo a parte do programa preferida polos rapaces e rapazas, o momento de xogar. Xogos tradicionais, práctica de actividades deportivas e novos xogos ideados polo monitorado para o divertimento dos máis pequenos. Ás 14.00 h chega a hora de iren para a casa, remata o día de entretemento e aprendizaxe no IES de Ames.

Os rapaces e rapazas diríxense con auténtica alegría ás súas casas coa nova peza artística realizada ao longo do día. Ás 14.30 h, arredor de 53 nenos e nenas empregan o servizo de comedor habilitado no CEIP A Maía que conta cunha dieta equilibrada e coa supervisión de cinco monitores/as.

Na segunda quenda da Escola de Verán, as actividades seguirán estando vinculadas coa saúde, temática común para todo o mes de xullo. Preto de 130 rapaces e rapazas participarán nesta segunda quenda que comeza o 18 de xullo e remata a finais deste mes. No mes de agosto realizarsae a segunda parte do programa coa temática Coido o que me rodea que pretende concienciar os cativos e cativas con aspectos relacionados co medio natural e coa reciclaxe.



Contido relacionado


La Escola de Verán cierra el primer turno con 147 amienses