Pestanas principais

A TVG visita aos nenos/as da Escola de verán

Mércores, 06 de xullo de 2011

[06-07-2011] Os servizos informativos da Televisión de Galicia visitaron as instalacións do IES de Ames para interesarse polo programa da Escola de verán. Na época estival sempre e complicado conciliar a vida laboral e familiar. O Concello de Ames é un exemplo neste senso xa que dende que acaba o curso escolar ata que volve comezar ofrécense varios servizos que permiten conciliar a vida laboral e familiar dos pais e nais amienses. A Escola de verán desenvólvese durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas. En Bertamiráns participan 147 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo uns 178 rapaces e rapazas.

O IES de Ames converteuse por uns minutos nun improvisado escenario para a gravación dunha reportaxe para o Telexornal da Televisión de Galicia. A canle autonómica interesouse polo programa da Escola de verán que comezou a desenvolverse durante a semana pasada en Bertamiráns e no Milladoiro. Este servizo pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. A Escola de verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria. O servizo desenvólvese nos meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas.

O persoal da Televisión de Galicia que se achegou ata o IES de Ames estivo gravando as actividades que realizaron os nenos e nenas que participan neste programa. Por unha banda, os nenos e nenas de educación infantil estiveron realizando un obradoiro de pintura, mentres que os rapaces e rapazas de educación primaria estiveron realizando varios xogos no ximnasio do centro de ensino. Ademais entrevistaron á coordinadora deste servizo en Bertamiráns e algún dos rapaces e rapazas que participan na Escola de verán.


Trátase de facer unha oferta lúdico-educativa para que os 325 rapaces e rapazas que participan neste programa pasen un verán diferente cos seus compañeiros e no seu contorno á vez que aprenden conceptos fundamentais para a súa educación. As actividades que se desenvolven xiran ao redor de grandes áreas como o coidado persoal e medio ambiental, o mar, a gravación dunha película e o mundo do circo. Todos estes temas abórdanse con material especifico para as idades dos rapaces participantes e van acompañados de exemplos gráficos, obradoiros e visitas didácticas que fan este programa de actividades moito máis atractivo.

En Bertamiráns están inscritos un total de 147 nenos e nenas de entre 3 a 11 anos. As actividades nesta localidade desenvolveranse no IES de Ames e no comedor do CEIP A Maía, onde se ofrecen os servizos de almorzo e xantar. A programación de actividades xirará arredor de dúas temáticas diferentes o coidado persoal e o coidado medio ambiental. Arredor destas temáticas organizaranse diversos obradoiros nas aulas e xogos ao aire libre.

Por outra banda, no Milladoiro participan 178 nenos e nenas, que cursaron educación infantil e educación primaria. As actividades que terán lugar no Milladoiro xirarán arredor do mundo do cine e do circo. Nesta localidade o servizo de comedor ofrecerase na EEI Milladoiro.