[27-04-2011] Os obradoiros de achegamento ás novas tecnoloxías programados pola aula de informática do Milladoiro para os meses de abril, maio e xuño están espertando o interese dos veciños e veciñas amienses. Esta semana comezaron a impartirse os cursos da programación de primavera cun obradoiro de iniciación á internet. Este curso está dirixido a persoas maiores de 18 anos e impártese en horario de mañá, de 10:00 h. a 11:30 horas, ou de tarde, de 18:00 h. a 19:30 horas. É un curso gratuíto de 7,5 horas lectivas e no que participan vinte persoas. Para os meses de maio e xuño está previsto que se realicen outras actividades formativas como son un curso de iniciación ás follas de cálculo Microsoft Excel e un obradoiro dirixido a aprender a facer presentacións.
As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes na vida diaria de todas as persoas e saber empregar un computador ou navegar pola Internet é indispensable. Por iso, a Concellaría de Cultura, a través da aula de informática do Milladoiro, programou tres obradoiros de achegamento ás novas tecnoloxías para os meses de abril, maio e xuño que se imparten na Casa da Cultura do Milladoiro.
Para aprender a navegar con fluidez pola rede a aula de informática do Milladoiro organizou unhas xornadas de iniciación á Internet. Este obradoiro comezou o 25 de abril e desenvolverase durante toda a semana ata o día 29 deste mes. Hai dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde. En cada quenda participan 10 alumnos/as. Nestas xornadas están participando 20 persoas. O horario de mañá é de 10:00 h. a 11:30 horas, mentres que polas tardes os alumnos asisten ás clases dende as 18:00 h. ata as 19:30 horas. Estas xornadas son gratuítas e están dirixidas a persoas maiores de 18 anos.
A través destas xornadas preténdese ensinar o uso básico da Internet para actividades da vida diaria como son ler a prensa, consultar a web do concello, solicitar cita para o médico de cabeceira ou facer unha compra a un supermercado. Ademais serven para que os asistentes valoren o uso da Internet como unha vía de comunicación e para o desenvolvemento persoal de cada usuario/a. Estas xornadas están pensadas para todas aquelas persoas que nunca usaron Internet e que son un pouco remisas a sentarse diante dun ordenador porque pensan que non son capaces de usalo e teñen medo a rompelo.
Na primeira xornada o alumnado recibiu unha pequena introdución para coñecer as partes básicas do ordenador, como usar o teclado e o rato, que é Internet, as súas características e usos, estrutura e características dos enderezos web, os navegadores Mozilla Firefox e Internet Explorer, as barras das ventás dos navegadores, etc.
Navegar pola rede
A partir dese momento os usuarios/as xa están preparados para comezar a navegar pola rede. Algunhas das tarefas que van realizar son consultar a páxina web do Concello de Ames para coñecer como está estruturada a información. A profesora sempre lles ensina a sección de "liña directa", para que poidan poñerse en contacto co Concello e para presentar dúbidas, preguntas, suxestións, queixas ou agradecementos.
Ademais van consultar as páxinas dixitais dos principais medios de comunicación que están na rede. Os usuarios poderán obter información máis actualizada que a publicada nas edicións impresas, consultar a hemeroteca, consultar as edicións de distintas localidades e escribir comentarios nalgunhas noticias.
Outras funcións que van realizar son pedir cita para o médico de cabeceira, facer unha compra a un supermercado, aprender a usar o buscador Google para atopar páxinas a partir dun texto ou usar o Google maps para calcular unha ruta. Outras tarefas que realizarán son crear unha conta de correo e posteriormente enviar correos electrónicos.
Todo iso realízase insistindo en que a principal vantaxe de usar Internet é que non hai horarios, e dicir, podemos facer calquera destas actividades sen estar as "tendas abertas" a calquera hora do día ou da noite, calquera día do ano, desde calquera lugar do mundo, sempre que teñamos un ordenador con acceso á Internet. As posibilidades de navegar pola rede son enormes.




