[30-03-2011] No que queda do mes de marzo e ata o 30 de abril, estará aberto o prazo de inscrición no Obradoiro de Teatro Intercultural do Milladoiro, grupo teatral creado a instancias do Servizo de Atención ao Migrante dependente da Concellería de Benestar e Igualdade co que se pretende afondar no proceso de integración e convivencia entre os veciños de Ames a través da representación escénica e no que quedan prazas por ocupar. Calquera persoa do concello que desexe participar, sexa inmigrante ou do país, poderá apuntarse chamando ao 981 52 53 49 de 9:00 h. a 14:00 horas ou pasándose polo Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) na rúa de Abaixo número 10, no Milladoiro, na mesma franxa horaria. Non se necesita experiencia previa sobre as táboas e a matrícula é totalmente gratuíta. O único requisito necesario é ser maior de 18 anos.
Ata o 30 de abril teñen de tempo os/as interesados/as en inscribirse no Obradoiro Intercultural de Teatro do Milladoiro, creado a instancias do Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) coa intención de promover e afondar no proceso de integración e convivencia a través da actividade teatral entre os veciños dun concello como o de Ames que conta cunha grande presenza de xente procedente doutros concellos, autonomías e estados.
Todas aquelas persoas maiores de 18 anos que desexen participar, sexa cal sexa a súa orixe -ollo, non só inmigrantes, tamén os españois poden inscribirse, pois dificilmente se pode afondar na convivencia se entre os participantes non hai xente do país- poderán matricularse de forma gratuíta chamando ao 981 52 53 49 ou pasando polas oficinas do SAMI no Milladoiro, situada na rúa de Abaixo número 10 entre as 9:00 h. e as 14:00 horas. Non se lle pedirá a ninguén experiencia previa. As actividades deste grupo lévanse á cabo todos os sábados de 20:00 h. a 22:00 horas da noite no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
O Obradoiro Intercultural de Teatro do Milladoiro naceu hai tres anos a instancias do SAMI, dependente da concellaría de Benestar Social e Igualdade, coa intención de abrir -nos procesos de integración promovidos polo goberno local- un espazo de libre expresión no que as persoas poidan liberarse de conceptos xenófobos e, mantendo unha relación directa co diferente mediante a actividade teatral, establecer un proceso de aprendizaxe compartido e coñecemento das diversas culturas de orixe dos integrantes do grupo.
Trátase tamén de que os integrantes do elenco poidan pór sobre ás táboas elementos das súas culturas de orixe apostando así polo enriquecemento cultural das súas representacións. Así, con este obradoiro pretendese aportar un espazo de actividade lúdica a través do cal se vaian potenciando as habilidades persoais e poida servir, mesmo, como válvula de escape da abafante realidade cotiá destes tempos, onde o discurso contra o diferente e a súa criminalidade forma parte esencial dalgúns sectores sociais pouco dados a aceptar aos inmigrantes como froito inequívoco de riqueza social e cultural dun país.
Actividade do obradoiro
A diferenza doutros grupos de teatro, neste serán os propios integrantes os que decidan que tipo de peza queren levar a escena, dando así a posibilidade ás persoas do grupo de participar activamente no proceso de creación dramático, contando coa orientación da directora que dirixirá o proceso de integración dos diversos elementos que os participantes desexen incorporar á peza de forma que estes se incorporen de forma que teñan cabida dende o punto de vista da expresión dramática.
Despois das primeiras sesións que se adicarán a realizar unha primeira toma de contacto co mundo do teatro e escolleita a peza que se vai representar, comezará o traballo de posta en escena que xirará inevitablemente ao redor dos ensaios nos que se desenvolverá o texto dramático.
Entre as datas xa clásicas nas que este grupo realiza algunha das súas diversas representacións, cabe destacar a celebración do Día Internacional do Migrante que ten lugar todos os 18 de decembro e que o ano pasado se celebrou no concello de Ames cun mercado de troco, comercio xusto e mercado solidario, no eido do cal interpretaron a obra "A Viaxe".
Esta é unha boa oportunidade de ligar teatro e coñecemento de culturas diversas nun espazo de creación e lúdico no que o divertimento e a realización persoal está asegurado.




