Pestanas principais

Preto de 30 nenos/as participaron nos obradoiros do 8 de marzo

Domingo, 13 de marzo de 2011

[13-03-2011] A Biblioteca de Ames acolleu obradoiros nos seus centros de Bertamiráns e do Milladoiro con motivo do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Nestas actividades, orientadas para nenos e nenas maiores de 8 anos, leváronse a cabo unha serie de xogos cos que pretenderon concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da igualdade e os valores non discriminatorios de cara a muller. A programación da biblioteca xirará arredor do 8 de marzo durante todo o mes.

A defensa da igualdade entre homes e mulleres centra a programación mensual da Biblioteca de Ames. Con ese motivo, os días 9 e 10 de marzo tiveron lugar en Bertamiráns e no Milladoiro dous obradoiros nos que os rapaces e rapazas maiores de 8 anos tiveron a oportunidade de participar nunha serie de xogos cos que se pretendeu conciencialos nestes importantes valores. O mércores foron 9 os nenos e nenas que participaron nesta actividade en Bertamirás, e o xoves fixeron o propio no Milladoiro un total de 18 nenos e nenas.

Nestes obradoiros propúxoselles aos nenos e nenas unha serie de xogos a través dos cales traballaron sobre esas ideas dunha maneira lúdica e distinta ás iniciativas máis académicas ás que están acostumados. Un destes xogos foi a lectura e debate a partir do texto "Carta dunha nai" de C. De Santos. Tamén se traballaron os textos "Luísa quere ser astronauta" e "Meu pai é ama de casa". Co debate permítese que os propios nenos e nenas sexan parte activa na formación dunha conciencia igualitarista.

Outro xogo foi "Quen o fai", no que os rapaces tiñan que marcar quen é o encargado ou encargada máis habitual de distintas tarefas, sobre todo domésticas. O xogo rematou con outro cadro no que os rapaces anotaron quen en realidade o podería facer. Tamén, participaron na actividade "A cantos coñeces", xogo no que se lles pediu aos rapaces que citasen a personaxes famosos dentro de distintas profesións (cantantes, cociñeiros, políticos...). A intención era demostrarlles que o máis habitual é que os que máis destacan son os homes a pesar de facer o mesmo traballo.

Este xogo completouse con outro que se chama "Coñécelos?", no que se deron unha serie de nomes de mulleres cociñeiras, cantantes, políticas... e eles tiveron que intentar adiviñar en que ámbito profesional dos que se estivo a traballar destacan.

Ademais destes obradoiros, a reivindicación sobre a igualdade estivo presente nas sesións de contacontos para rapaces e rapazas máis novos. Os contos que se narran nas sesións son "A derradeira Cincenta", "O libro dos porcos" e "Unha feliz catástrofe", que fan que os rapaces reflexionen sobre a condición da muller traballadora e como en moitos casos as mulleres soportan moitas máis cargas familiares e domésticas que os seus compañeiros.

Inténtase, por tanto, que os máis cativos vaian crecendo coa idea da necesidade de compartir as tarefas domésticas, as obrigas familiares, co dereito a percibir o mesmo salario polo mesmo traballo... En definitiva, a idea é colaborar coas familias e cos demais axentes educativos na tarefa de inculcar a igualdade entre xéneros. Haberá contacontos o día 17 no Milladoiro e o 16 en Bertamiráns. Tamén poderá asistirse ás sesións no Local Social de Augapesada o día 14 e no do Bugallido o 15. Todas estas actividades terán lugar ás 18:00 horas.

En anteriores anos as actividades de animación á lectura tiñan unha temática anual: o mar, as estrelas... Este curso, sen embargo, pensouse que para os rapaces era máis interesante imprimirlle ás actividades máis variedade temática e por iso cada mes cambia o tema. Para escoller os distintos temas que fan de fío condutor téñense en conta diversas datas sinaladas, como é o oito de marzo.