Pestanas principais

>XEA: Xincana Xente Nova, Comercio Vivo

Sábado, 5 setembro, 2026
De 20.00 a 22.00 horas

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades como concertos, seráns ou festas. 

A Xuntanza de Empresarios de Ames organiza a Xincana Xente Nova, Comercio Vivo, o vindeiro sábado, 5 de setembro, en Bertamiráns. Baixo o lema “050926, estás preparadx?”, o evento propón unha gran xincana urbana na que as peñas participantes percorrerán distintos establecementos do municipio superando probas, retos e dinámicas deseñadas para descubrir dunha maneira divertida e participativa a ampla oferta comercial e hostaleira de Ames. Tamén haberá probas/xogos fixas que formarán parte da puntuación total. 

O obxectivo da xincana “Xente Nova XEA” é implicar a mocidade na vida económica e social do municipio, promovendo un consumo de proximidade, fomentando o coñecemento do tecido empresarial local e fortalecendo o vínculo entre as novas xeracións e os negocios de Ames. A iniciativa nace coa vocación de converterse nun evento de referencia no calendario local.

A organización repartirá premios por valor de 1.100 euros entre as tres peñas mellor clasificadas: 600€ primeiro clasificado, 300€ segundo clasificado e 200€ terceiro clasificado. Será mediante un sistema de bonos para consumir nos establecementos asociados á XEA. Ademais, realizarase o sorteo de dous bonos adicionais de 50 euros a través da conta de Instagram da asociación.