Pestanas principais

>VI Feira do Monte "Tanto Monte"

Sábado, 14 novembro, 2026
De 11.00 a 19.30 horas

O Concello de Ames vai celebrar os días 14 e 15 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a sexta edición da Feira do Monte Tanto Monte. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte a través dun escaparate excepcional dos oficios e dos produtos vinculados ao monte. Neste edición increméntase o número de expositores e contarase con 29 postos de diversas localidades de Galicia; 4 faladoiros e obradoiros a cargo de Luís do Río, Jaime Blanco e Nuska Chousa;  6 degustacións gastronómicas; e unha nova iniciativa, o Monte Miúdo, que contará cunha ampla programación de actividades para os nenos e nenas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa completo da feira.

A Feira do Monte Tanto Monte segue medrando e xa chega á sexta edición. Así, un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que volve a celebrarse ao longo de dúas xornadas, o sábado 14 de novembro, de 11.00 a 19.30 horas, e o domingo 15 de novembro, de 11.00 a 15.00 horas. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que este nos ofrece.

Este ano medra o espazo da feira para acoller os 29 expositores que ofrecerán produtos de coiro, mel, queixos, porco celta, cerámica artesanal, artesanía, solucións forestais sostibles, fungos, arte en papel, aceites, produtos de fiado e tecido de la, licores, colares, cestos, sombreiros, maquinaria forestal, artesanía en madeira, queixos de cabra artesás, cosmética natural, cestería de medula, doces de outono e mel artesá de flores de alta montaña. Tamén haberá expositores que se dedican ao traxe tradicional e cubeiros.  

Tamén haberá actuacións de música tradicional a cargo de grupos de Ames, exposicións permanentes, obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes poderán deleitarse cunha ampla gama de produtos gastronómicos. Ademais, haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Contarase con servizo de polbería de Juan Guerra para comer (racións de polbo, carne ao caldeiro, churrasco e bica) e unha food truck de Sicilia in Bocca. Tamén haberá unha cantina a cargo da Asociación de Veciños de Trasmonte.

Monte Miúdo
Tal e como se adiantou na presentación desta edición da Feira do Monte, unha das principais novidades é Monte Miúdo, unha iniciativa dirixida á cativada amesá. Trátase dun programa especial dirixido a que todos os nenos e nenas do concello sintan atracción por todas aquelas cousas que veñen do monte. 

Deste xeito, o sábado 14 haberá actividades durante toda a xornada. Comezarase con obradoiros de queixos, de 12.30 a 16.30 horas. Para esta actividade hai dispoñibles 25 prazas. De seguido, de 17.00 a 18.00 horas, Luis do Río impartirá un obradoiro de cantagalos, no que poderán participar 20 nenos/as. Para estas dúas actividades hai que inscribirse. Ademais, de 17.30 a 19.00 horas poderase participar en xogos naturais e no concerto da Cé Orquestra Pantasma. 

Os rapaces e rapazas tamén poderán participar o sábado, de 13.00 a 14.00 horas, na actividade A busca do Lobo, a cargo da Asociación de Amigos do Lobo. Trátase dunha busca dun tesouro ao longo do campo da festa de Trasmonte, mentres que os nenos e nenas irán descubrindo e coñecendo as costumes e o xeito de vida dos lobos. Para esta actividade ofértanse 30 prazas e hai que inscribirse.

Para dispor de máis información e/ou inscribirse nestas actividades pódese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Faladoiros, obradoiro e actuacións musicais
Por outra banda, están previstos varios faladoiros e obradoiros. O sábado, 14 de novembro, de 11.30 a 12.30 horas, Luis do Río impartirá o faladoiro A arte da cestería tradicional; e de seguido, de 12.30 a 13.30 horas impartirá un obradoiro de cestaría. Para participar no obradoiro é necesario inscribirse. Ademais, o sábado pola tarde, de 17.00 a 18.00 horas, Jaime Blanco, da Asociación Brincabois, impartirá o faladoiro Cogomelos de Galicia: identificación e usos.

Ao igual que en edicións anteriores, este ano tamén se contará con música tradicional para amenizar as xornadas da feira, a cargo de grupos de Ames. O sábado 14 haberá unha actuación musical, de 13.00 a 14.00 horas, a cargo da Asociación Cultural Follas Novas.

Degustacións gastronómicas
O evento contará con diversas degustacións gastronómicas ofrecidas polo Concello de Ames, O sábado 14, ás 12.30 horas, poderanse degustar fabes con cogomelos elaboradas polo restaurante Onde Keiras. De seguido, ás 13.30 horas, Discarlux ofrecerá pequenas hamburguesas de vaca de cría extensiva. 

O sábado pola tarde, ás 17.00 horas, haberá outra degustación, neste caso será de piruletas de outono a cargo de Dolci e Bambini, e ás 18.30 horas poderanse degustar os chicharróns de porco celta de Cienporcel. 

 Servizo de autobús
Para achegarse á Feira do Monte haberá servizo de autobús: con saída cara Trasmonte desde a Casa da Cultura do Milladoiro ás 11.00h e ás 16.00 horas; e desde o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 11.15h e ás 16.15 horas. As viaxes de volta a Bertamiráns e O Milladoiro (con saída do campo da festa de Trasmonte) serán ás 14.30h e ás 19.30 horas.

Multimedia