- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, presenta a terceira edición do ciclo de monólogos, que se celebrarán entre o 21 e o 24 de maio nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Monologuistas como Leti da Taberna, Josito Porto ou Celso Fernández Sanmartín participarán nunhas xornadas nas que haberá interpretación en lingua de signos.
Durante estas xornadas, participarán un total de oito monologuistas repartidos en catro días: os espectáculos serán sempre dobres. Pecharán esta edición do ciclo Celso Fernández Sanmartín e Fernando Palitos o domingo 24, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estes dous cómicos conforman unha dupla perfectamente complementada: Celso é o contador de historias galego máis difícil de imitar, mais esas historias rouboullas a Fernando Palitos “Pali”. Ambos xuntan as catro cousas que unha persoa necesita para contar historias: altura de miras, calor, ver mundo e saber o camiño de volta. Esta última sesión contará cunha persoa intérprete de lingua de signos.





