Pestanas principais

> Festa da Primavera do CEIP de Barouta

Sábado, 27 maio, 2023
A partir das 17:00 horas

O CEIP de Barouta, dentro do programa Lectura e familias, organiza para o sábado 27 de maio a celebración da Festa da Primavera. Trátase dun evento aberto ao público. Será unha xornada lúdica que dará comezo ás 17:00 na praia fluvial de Tapia. Incluirá xogos populares, unha mesa redonda, narracións orais, contacontos, un concerto e unha tómbola.

O evento comezará cunha mesa redonda que leva por título “Ler, escribir e falar”. Nela intervirán Eva García Sexto, docente de Educación Infantil; Bea Campos, animadora; e María López Sández, escritora, profesora, experta rosaliana e membro de número da Real Academia Galega (RAG).

Á mesma hora estaranse desenvolvendo paralelamente diversos xogos populares para os cativos e cativas, que correrán a cargo da empresa Biosbardos, que se encarga da xestión de actividades de ocio, educativas e culturais.

A continuación, arredor das 18:00 horas, terá lugar un contacontos, que correrá a cargo de María da Pontragha, Vero Rilo e Bea Campos. Estará organizado polo colectivo de Narración Oral Galega (NOGA).

Ao remate, ás 19:00 horas, Brais das Hortas ofrecerá un concerto. Das Hortas é músico dende 1996, e na actualidade forma parte dos grupos Sacha na Horta e Blues do País. Toca a guitarra eléctrica, clásica, acústica e portuguesa, laúde árabe, frauta chinesa, caixón, batería de refugallo, darbouka, karkaba, kalimba, beatbox, harmónica, antenas tubulares, melódica, efectos sonoros… Ademais, é clown e compón e grava bandas sonoras orixinais para diversos espectáculos. 

Para pechar a xornada, o alumnado de 6º de Primaria do centro escolar organizará unha tómbola para todos os asistentes.