Pestanas principais

> Encontro literario: Marta Estévez

Xoves, 25 maio, 2023
Ás 20:00 horas

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza para este xoves, 25 de abril, un novo encontro literario no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas. Desta volta, a autora protagonista será Marta Estévez, que presentará a súa primeira novela publicada, “El secreto de las hermanas Asorey”, de Plaza & Janes Editores. Estévez estará acompañada pola tamén escritora e xornalista Andrea Barreira Freije e pola concelleira de Cultura, Natividade González.

“El secreto de las hermanas Asorey” ambiéntase na Compostela no ano 1931. Nos albores da Segunda República, catro irmás afrontan a morte de seu pai, un reputado médico. Tilde, a maior, é autoritaria e pragmática; mentres que Tea, a segunda, é inestable e sofre dunha forte depresión. Eloísa, a terceira, é moderna e emancipada; e Celia, a menor, ten como principal obxectivo casarse. Todas pactan, por motivos secretos, esconder o cadáver, ata que a morte dunha rapaza que traballaba para a familia ameaza o seu acordo.

Marta Estévez (Vigo, 1972) é viguesa de nacemento, aínda que reside actualmente na localidade de Teo. Licenciada en Filoloxía inglesa pola USC, exerceu a docencia durante anos, e creou o blog Sweet & Home.

“El secreto de las hermanas Asorey” é a primeira novela que publica, aínda que ten escritas outras tres que aínda non viron a luz: “El banquete perfecto”, “El murmullo de los ángeles” e “No moriré del todo”. “El banquete perfect” quedou entre as dez novelas finalistas do Premio Azorín 2019, mentres que “No moriré del todo” se clasificou entre as dez finalistas do Premio Planeta 2021.