Pestanas principais

> Concerto "Anfiteatro en vivo": Killo Karallo e La Nasa

Sábado, 12 novembro, 2022
Ás 13:30 horas

O anfiteatro do Milladoiro acolle este sábado 12 de novembro, ás 13:30 horas, o concerto “Anfiteatro en vivo”, que reunirá na localidade a varios artistas do concello e da comarca que comezan a despuntar no mundo da música. Actuarán os grupos Killo Karallo e La Nasa.

Killo Karallo é unha banda que comezou a súa andadura no verán do 2021 e xa está gravando os seus primeiros temas de estudo. Está formada por cinco integrantes: César á voz, Martín á guitarra, Sam ao trombón e aos teclados, Nacho ao baixo e Borja á batería. A banda parte de sons de funk-rock, que fusionan con toques flamencos, facendo unha mistura moi fresca e enerxética para bailar.

Pola súa banda, La Nasa é un grupo doutros cinco músicos na que se fusionan distintas idades, gustos e influencias variadas, partindo do rock como elemento común e movéndose a distintos xéneros de maneira innovadora e sorprendente. Confórmano Rubén, á batería, Dani, á guitarra e á harmónica; Diego, á guitarra e aos coros; Javi, ao baixo e tamén aos coros, e Pablo, á voz e á guitarra.

A entrada é de balde e para asistir ao concerto non é necesario preinscribirse.