Pestanas principais

> 25N | Videoforum: "En Deuda con Todas"

Venres, 3 decembro, 2021
Ás 20:00 horas

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle a proxección de “En Deuda con Todas”, un documental estreado no ano 2019 pola organización sen ánimo de lucro galega AGARESO, que trata en detalle as repercusións da penalización do aborto en El Salvador. O evento, que inclúe unha exposición inicial da actualidade do país centroamericano, o visionado do filme e un debate posterior, terá lugar este venres 3 de decembro ás 20:00 horas. A actividade, promovida pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade, chega despois da recepción institucional á activista salvadoreña Morena Herrera no mes de outubro, no que pediu ao Concello de Ames que informara á sociedade de situacións como a do seu país, no que o aborto é fortemente penado.

“En Deuda con Todas. Una historia sobre la penalización del aborto en El Salvador”, é un documental realizado pola ONG AGARESO, estreado a finais de 2019. O filme trata en detalle as reivindicacións das mulleres e dos colectivos feministas no país salvadoreño contra a penalización do aborto, ademais de recoller testemuñas de protagonistas que pasaron polo cárcere ou que cumpren penas por este motivo. O obxectivo: chamar a atención sobre a vulneración dos Dereitos Humanos das mulleres salvadoreñas e contribuír á loita dos colectivos feministas, que esixen o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos e unha lexislación que respecte os seus dereitos, en especial os das nenas e adolescentes.

O videoforum da tarde do venres dividirá o seu tempo en tres partes. A sesión comezará cunha presentación do filme e unha exposición da actualidade dos Dereitos Humanos das mulleres en El Salvador, coa presenza de Sonia Díaz, xornalista e técnica de proxectos e comunicación en AGARESO. A continuación procederase á proxección do documental, que dará paso a un debate posterior na que as persoas asistentes poderán participar, aportando comentarios, preguntas ou reflexións.