Avisos
Luns, 16 setembro, 2024
Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e ata o día 30 de setembro enviando o impreso de solicitude ao correo electrónico radio@concellodeames.gal. Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociacións ou persoas non empadroadas no concello, sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade. Pódense consultar todos os detalles nas bases que regulan a Radio Cidadá, que están ao pé deste aviso.
Luns, 16 setembro, 2024
A biblioteca de Bertamiráns acolle o sábado, 5 de outubro, ás 11:30 horas, un “Obradoiro de cómic”, da man de Santy Gutiérrez. Esta actividade estaba prevista para o sábado, 28 de setembro, pero por motivos alleos ao Concello de Ames houbo que adiala ao sábado 5 de outubro.
Luns, 16 setembro, 2024
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, informa de que esta semana a Escola Municipal de Teatro abre as súas portas para dar a benvida a un novo curso. Este ano, as clases darán comezo o martes, 17 de setembro, en Bertamiráns; e o mércores, 18 de setembro, no Milladoiro.
Venres, 13 setembro, 2024
Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso pódense obter os menús da Rede de Comedores Escolares (almorzos, xantares e merendas). Estes menús foron elaborados pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Venres, 13 setembro, 2024
Premendo na ligazón que está ao pé deste aviso pódese obter o menú das escolas infantís municipais de Ames para esta semana. Este menú foi elaborado pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Venres, 13 setembro, 2024
A Escola Municipal de Música de Ames mantén abertas as inscricións para a materia de música e movemento de cara ao curso 2024-2025. Ao ser un prazo extraordinario, estas prazas cubriranse por orde de entrada en rexistro, da solicitude correspondente. As persoas que estean interesadas en participar na materia de música e movemento poderán anotarse cubrindo o impreso de inscrición e enviándoo a través da Sede electrónica do Concello ou entregándoa nos rexistros municipais.
Martes, 10 setembro, 2024
Un equipo da Policía Nacional vaise desprazar a Ames co obxectivo de facilitar a renovación ou expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) á veciñanza. Así, estará o día 31 de outubro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, de 9:00 a 12:30 horas, con 75 citas dispoñibles. As persoas interesadas en empregar este servizo deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para aportar nome, apelidos e un teléfono de contacto.
Martes, 10 setembro, 2024
O luns, 9 de setembro, abriu o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2024-2025. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 15 de setembro. A xestión realizarase telematicamente a través da páxina web de Cronos. Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 16 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 17 de setembro na páxina web do Concello de Ames.
Martes, 10 setembro, 2024
Dende o departamento de Cultura informan de que están esgotadas as prazas para o curso de técnicas teatrais para falar en público. Será na Casa da Cultura do Milladoiro os días 26 e 27 de setembro, en horario de 19:00 a 22:00 horas, e o día 28, en horario de 10:00 a 13:00 horas.
Luns, 9 setembro, 2024
A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) informa de que as clases do novo curso comezan o vindeiro luns 16 de setembro. As clases impartiranse no Edificio Multiusos de Aldea Nova e cada alumno/a comezará no horario que se lle confirmou no momento da realización da matrícula. Para calquera dúbida, pódese contactar coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou no teléfono 981 535 940.
- ‹ anterior
- 20 de 138
- seguinte ›