Pestanas principais

Este xoves dan comezo os Encontros Literarios de marzo coa presentación do libro “Las buenas maneras en el amor”, de Margarita Murillo

Mércores, 01 de marzo de 2023

O primeiro encontro literario programado para este mes de marzo polas bibliotecas municipais de Ames, que se celebrará este xoves, día 2, contará coa presenza de Margarita Murillo. A escritora presentará a obra “Las buenas maneras en el amor” no Pazo da Peregrina, ás 20:00 horas. Farao acompañada por Fernando Rodríguez de la Torre, director de “Con C de Comunicación” e de “Briefing Galego”, e docente de márketing na Universidade de Santiago de Compostela. Encargarase de conducir o evento a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González. 

O libro protagonista deste novo encontro literario organizado polo departamento de bibliotecas, “Las buenas maneras en el amor”, pretende “aportar un pequeno gran de area no mundo do amor e das relacións de parella”, segundo afirma a súa autora, Margarita Murillo. A obra parte dunha concepción transversal do protocolo social, que acompaña todos os aspectos das relacións humanas (tamén as de amor e parella). A autora trata, ao longo da obra, os desafíos que supoñen as relacións de parella, ás que define como “o xerme primixenio de calquera sociedade”.

“Las buenas maneras en el amor” relata como, entre todos, e a través das relacións, construímos o mundo no que habitamos, aprendendo por imitación e establecendo as normas do aceptable e o desexable. O libro busca, ademais, lograr o desafío de escribir con linguaxe inclusiva, tratando de primar o respecto á diversidade.

Margarita Murillo é consultora, asesora, directora de protocolo e organizadora de eventos, ademais de docente en empresas e institucións. É licenciada en Dereito pola USC, e ao longo da súa traxectoria profesional especializouse no terreo protocolario cursando un mestrado en Dirección de produción, organización e deseño de eventos na Universidade Camilo José Cela.

Murillo estará acompañada durante a presentación por Fernando Rodríguez de la Torre, director da axencia “Con C de Comunicación” e do portal de publicidade “Briefing Galego”. De la Torre é tamén docente de márketing na Universidade de Santiago de Compostela. O evento será presentado por Natividade González, concelleira de Cultura.

Cartaz dos Encontros Literarios con Margarita Murillo

Multimedia

  • Este xoves dan comezo os Encontros Literarios de marzo coa presentación do libro “Las buenas maneras en el amor”, de Margarita Murillo