[25-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor; o director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro Tato, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, presentaron este martes pola tarde no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o obradoiro de mediación xuvenil para a participación, organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e que se enmarca dentro do programa ACTIVA da Xunta de Galicia.
Este obradoiro, dirixido a mozos/as menores de 30 anos, animadores xuvenís, asociacións e grupos informais, desenvolveuse este martes pola tarde, desde as 18:00 ata as 20:00 horas. En total, unha vintena de mozos amienses puideron adquirir formación en competencias sobre a xestión e funcionamento interno de entidades xuvenís e na difusión de elementos que potencien o asociacionismo e a participación da mocidade.
A través do obradoiro preténdese que os e as asistentes coñezan as funcións dunha asociación xuvenil, os trámites que hai que realizar para a súa creación e o seu regulamento e funcionamento interno. Tamén se ofrece unha introdución sobre o asociacionismo e pautas para realizar a acta constitucional, estatutos, rexistro, facenda e financiamento dunha asociación.
Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que o obradoiro de mediación xuvenil para a participación ''encaixa na política integral de xuventude deseñada polo Concello de Ames''. De feito, lembrou que ''unha das vertentes desta política é recuperar e vertebrar o tecido asociativo do municipio''.
Santiago Amor destacou que o obxectivo é ''implicar aos mozos na vida diaria de Ames, conseguindo unha mocidade máis participativa''. ''Pensamos na mocidade para recuperar o tecido asociativo, co fin de que se leven a cabo novas actividades culturais e deportivas no noso Concello'', engadiu.
Fomento do asociacionismo
Nos últimos meses, o Concello de Ames, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, desenvolveu varios obradoiros dirixidos á mocidade amiense. Algúns dos obradoiros realizados foron o de orientación laboral e o programa de xuventude en acción: intercambio e iniciativas xuvenís.
Dende a concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude preténdese fomentar o asociacionismo entre a mocidade amiense e que os mozos/as creen novas asociacións xuvenís municipais para impulsar novas actividades culturais e deportivas, entre outras. Deste xeito, ofréceselles aos/ás interesados/as as ferramentas necesarias para coñecer os mecanismos e as pautas que hai que seguir para crear unha asociación.
Programa Activa
A xornada celebrada este martes no Pazo da Peregrina enmárcase dentro do programa ACTIVA da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e que está dirixido á mocidade de todos os municipios de Galicia. Este programa pretende facer chegar á mocidade, a través dun obradoiro práctico e dinámico, tanto información sobre os recursos dispoñibles como formación que lles poida axudar de cara a un futuro.
En total, o programa ACTIVA realizará en toda Galicia, entre os meses de abril e novembro, un total de 141 cursos e obradoiros. Deste xeito, máis de 5.000 mozos galegos poderán acadar competencias sobre oratoria, dispoñibilidade de recursos para a mocidade, participación e asociacionismo ou habilidades para a busca de emprego.
Contido relacionado
Xunta de Galicia: "Xuventude impartirá por toda Galicia, a través do programa Activa, 141 cursos e obradoiros que están dirixidos a máis de 5.000 mozos"
El Correo Gallego: "El director de Xuventude inauguró un taller sobre la mediación para Ames"
Xuventude.net: "Xuventude impartirá por toda Galicia, a través do programa Activa, 141 cursos e obradoiros que están dirixidos a máis de 5.000 mozos"