Actualidad

Por ejemplo, 09-06-2024
Por ejemplo, 09-06-2024
Miércoles, 08 de mayo de 2024
Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar esta mañá a primeira edición do concurso Baila con Ames. Trátase dunha nova iniciativa que se suma ao concurso Canta con Ames que este verán celebrará xa a súa cuarta edición. Para inscribirse no Baila con Ames hai que presentar no rexistro municipal o impreso de inscrición. Tamén hai que enviar un vídeo casting ao enderezo de correo electrónico amesnarua@gmail.com. O prazo de inscrición estará aberto dende o día seguinte da publicación das bases do concurso no BOP e ata o 10 de xuño. Establécense dúas categorías: individual ou parellas; e grupos de 3 a 12 persoas. Non hai límite de idade para participar. Repartiranse 2.500 euros en premios. Haberá unha fase de preselección no Milladoiro o 21 de xuño e a final farase en Bertamiráns o 31 de agosto na pista de deportes da praza de Chavián. O cartel foi elaborado pola veciña de Ames, Mireya Vilas Vilacoba, de 9 anos de idade.

Miércoles, 08 de mayo de 2024
Imaxe da segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas (imaxe de Miguel Lama)

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. O evento foi organizado por Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas en colaboración co Concello de Ames e e coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Con esta actividade, a entidade brindou recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia. As fotos da gala foron realizadas por Miguel Lamas. Pódese acceder á galería do evento nesta ligazón.

Miércoles, 08 de mayo de 2024
Aberto o prazo para solicitar as axudas de promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas

O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2023 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o pasado 4 de maio; polo que remata o 3 de xuño. Ao pé desta nova podes atopar as bases e os impresos de solicitude.

Martes, 07 de mayo de 2024
Imaxe das charlas impartidas por Manuel Núñez Singala no marco da programación de accións formativas do programa Modo galego, actívao!

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, e maila  Real Academia Galega, abriron este luns a segunda edición do proxecto de investigación-acción Modo galego, actívao! Como novidade, alén de volver involucrar as comunidades educativas dos sete colexios públicos que imparten o segundo ciclo de infantil e primaria amesáns, desta volta chegará tamén ás dúas escolas infantís municipais, que atenden uns douscentos nenos e nenas ata os tres anos de idade, e reforzará a oferta de accións formativas. A experiencia ten como dobre obxectivo estudar e promover o uso da lingua galega entre os nenos e nenas de Ames partindo dos seus principais contextos de socialización: os propiamente escolares, os servizos complementarios, as actividades extraescolares e o contexto familiar. E faino contando coa implicación de todos os axentes involucrados: os educadores e educadoras, o monitorado, o alumnado e os seus proxenitores.

Martes, 07 de mayo de 2024
A II Festa do Pan e do Cereal celebrarase o 11 de maio en Bugallido

O campo da festa de Bugallido acollerá este sábado, 11 de maio, a II Feira do Pan e do Cereal, coa que se quere poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galegas. Esta feira busca animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional.  O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, foi presentado esta mañá na Casa do Concello. Premendo nesta ligazón podes acceder á listaxe de establecementos participantes na II Feira do Pan e do Cereal.

Martes, 07 de mayo de 2024
As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro poden solicitar axudas ata o 3 de xuño

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o 3 de xuño está aberta a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2023, a contía total volve a acadar os 60.000 euros. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria de axudas.

Martes, 07 de mayo de 2024
Alumnado do IES do Milladoiro participou na xornada “Olimpíada: Trocando Linguas” organizada pola USC

O pasado xoves, 2 de maio, alumnado e profesorado do IES do Milladoiro participou na “Olimpíada: Trocando Linguas” celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a xornada, amosaron os resultados da investigacións que levaron a cabo sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos, co obxectivo de intercambiar experiencias lingüísticas interxeracionais e reflexionar sobre os contextos multilingües actuais. O evento pódese visualizar na canle de YouTube da USC premendo nesta ligazón.

Lunes, 06 de mayo de 2024
Imaxe do proxecto de O Galiñeiro

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 18 de abril o contrato de obras de pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, en Agrón. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Mantido SL por un importe de 125.889,49 euros (IVE incluído). Este proxecto está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2023. Ditas obras teñen o obxectivo de mellorar a pavimentación dos viarios do núcleo de O Galiñeiro, así como de varios dos seus accesos. Esta actuación súmase a outras obras que se están executando nas estradas de A Garea e Sandar, así como ás obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns, todas elas na parroquia de Agrón.

Lunes, 06 de mayo de 2024
A asociación Menais celebrou esta fin de semana o I Mercado do Maio

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu esta fin de semana a primeira edición do Mercado de Maio, unha iniciativa organizada pola asociación Menais co obxectivo de promover un modo de vida máis respectuoso coa comunidade e o medio natural. Desenvolveuse os días 4 e 5 de maio, e contou con música en directo, un mercado e diversas actividades e obradoiros para toda a familia.

Lunes, 06 de mayo de 2024
 Arredor de 170 persoas se inscribiron na terceira edición das Xornadas de Saúde Mental

O venres 3 e mailo sábado 4 de maio celebráronse as III Xornadas de Saúde Mental, que nesta terceira edición trataron sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo. As xornadas estiveron dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores e contaron cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Ditas xornadas espertaron o interese dun gran número de persoas. Este ano duplicouse a inscrición de forma presencial respecto da edición de 2022. Este ano inscribíronse arredor de 170 persoas, mentres que na edición do ano pasado participaron 80 persoas de forma presencia e outras 76 por streaming. No acto de apertura participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros/as da Corporación municipal.