- Tematica
Esta mañá, o espazo colaborativo A Proa acolleu dúas actividades enmarcadas dentro da “Rede Coworking Fest 2026”, unha semana dedicada a promover a innovación, a colaboración e a cultura emprendedora a través dunha ampla variedade de actividades e propostas culturais e formativas nas que participan os diferentes espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. No caso do Milladoiro, o centro de coworking acolleu os relatorios “SCAYLE: Impulsa a transformación dixital da túa empresa” e “Evolución de OneHealth DataSpace: Introdución á factoría de IA 1HealthAI”, este último impartido por profesionais do Centro de Supercomutación de Galicia (CESGA). Con actividades deste tipo, Ames continúa consolidando unha contorna favorable para a innovación, reforzando a colaboración entre o ecosistema emprendedor, os centros tecnolóxicos e as iniciativas impulsadas desde a Rede Innpulso, co obxectivo de xerar novas oportunidades de crecemento e valor para a cidadanía.
As instalacións do espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acolleron dúas actividades da “Rede Coworking Fest 2026”, unha iniciativa posta en marcha por primeira no ano 2024 e que desta volta está tendo lugar do 14 ao 20 de setembro polos 11 espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, que acollerán máis de 100 horas de actividades gratuítas.
O obxectivo desta semana é dar a coñecer os espazos de traballo da provincia, ademais de ofrecer a oportunidade de participar en diferentes formacións, obradoiros, conferencias e eventos destinados a potenciar a colaborción e a aprendizaxe entre profesionais de distintos sectores. Deste xeito, a “Rede Coworking Fest 2026” conta cunha ampla variedade de iniciativas e propostas, destacando nesta edición o empredemento, innovación e colaboración no ámbito rural.
A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, sinalou que “mediante destas actvidades trátase de impulsar a creación de colaboración entre emprendedores, freelancers e pequenas empresas do noso concello. Ademais, un dos obxectivos tamén é dar a coñecer a importancia e as posibilidades de futuro que ofrecen os espazos de coworking como impulsores da economía local así como de creación de redes de traballo compartido”.
Actividades no espazo colaborativo A Proa
Deste xeito, no marco da “Rede Coworking Fest 2026”, o espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu esta mañá dous relatorios arredor da supercomputación e da intelixencia artificial, impartidas polos Centros de Supercomputación de Castela e León (SCAYLE) e Galicia (CESGA).
A primeira charla da mañá foi “SCAYLE: Impulsa a transformación dixital da túa empresa”. Nela, a responsable de comunicación do Centro de Supercomputación de Castela e León, Ruth Alonso, explicou as dinámicas de traballo do SCAYLE, así como as nocións básicas da supercomputación. Este centro sitúase na lista TOP500, un ranking semestral que clasifica ás supercomputadoras máis potentes do planeta.
Durante a súa palestra, Alonso tamén mostrou ao público os proxectos nos que traballa SCAYLE, entre os que destacan OPENCAYLE, unha plataforma de servizos para o almacenamento masivo, publicación e tratamento de datos científicos; BIOSCAYLE, un proxecto arredor da biomedicina; QuaSAR_Lab, unha plataforma para a experimentación a formación e a validación tecnolóxica; e IA [LLMs], arredor da intelixencia artificial.
Tras esta intervención, comezou o relatorio “Evolución de OneHealth DataSpace: Introdución á factoría de IA 1HealthAI”, impartido polo Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA. A encargada de dirixir esta charla foi a coordinadora do proxecto 1HealthAI Factory, María José Malmierca.
A Factoría 1HealthAI é un servizo de computación, formación e soporte liderada polo CESGA en colaboración co CSIC. Esta é a segunda factoría de intelixencia artificial de España e está situada no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, onde se aloxa un superordenador específico para intelixencia artificial experimental.
Este proxecto ten como obxectivo desenvolver intelixencia artificial confiable enfocada no concepto “One Health”, que abrangue a saúde humana, ambiental e animal. Isto é posible mediante unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para intelixencia artificial experimental, prestando servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.











