Actualidade

A aula CeMIT, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, amplía a súa oferta formativa e organiza novos cursos en materia de habilidades dixitais para adultos de cara aos meses de novembro e decembro. Ofértanse un total de 14 prazas para cada un dos novos cursos, e para poder participar é necesario estar dado de alta na rede do CEMIT. Para os máis cativos, as formacións continúan ata decembro con cursos de informática para nenos/as e mecanografía para rapaces e rapazas.

A Escola de Karate Dokkodo regresou de Oviedo con cinco medallas de bronce trala participación do XLVIII Trofeo Internacional Princesa de Asturias, celebrado o pasado sábado, 17 de outubro, no polideportivo Corredoria Arena. A competición reuniu preto de 500 deportistas de case 50 clubs, procedentes de diferentes comunidades autónomas e de Portugal.

A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela organizan para o sábado, 24 de outubro, a primeira edición da Marcha Prevención do Dano Cerebral, na que cada donativo será unha axuda real para que a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela poida ampliar as súas instalacións. Nesta iniciativa solidaria colaboran os Concellos de Ames e Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. A andaina discorrerá entre O Milladoiro e Santiago de Compostela. A ruta transcorre maioritariamente por terreo chan ou con lixeira pendente descendente. Os organizadores recomendan levar calzado cómodo para terreos irregulares, xa que pode haber algúns tramos húmidos. As inscricións poden tramitarse ata o 23 de outubro. Premendo nesta ligazón podes acceder á páxina web onde realizar as inscricións.

O Concello de Ames pon en marcha por noveno ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Poderán optar a este recoñecemento todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presenten a súa candidatura antes do 20 de novembro. A dotación económica dos dous premios que se outorgan en cada unha das dúas categorías é de 1.500 euros. Un total de 75 empresas presentáronse a este certame nas oito edicións anteriores, das cales 18 foron premiadas. Premendo nestas ligazóns pódense descargar as bases do concurso e a ficha de participación.

A actividade proposta para este venres, 23 de outubro, polo club xuvenil Distrito 13 17, trátase dunha xornada adicada aos xogos de mesa, cunha selección ampla e variada, que fuxirá dos xogos máis tradicionais e vén disposta a descubrirlle aos participantes aquelas propostas máis orixinais e diferentes. A actividade terá lugar no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, e terá unha duración de dúas horas, de 19.00 a 21.00 horas. Está dirixida a rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos. Podes anotarte premendo nesta ligazón. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484. Podes consultar toda a programación premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza ao longo desta semana, do 22 ao 25 de outubro, a vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Maxia de Ames. Este festival conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. Quedan poucas prazas dispoñibles para participar nos obradoiros de maxia. Así mesmo, aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para a sesión das 17.00 horas do espectáculo “Patapatún”, do Mago Paco, do xoves 22 de outubro, para os obradoiros de maxia, e para as sesións da Gala Máxica Internacional, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O concello de Ames acolleu hoxe unha nova edición da carreira pedestre popular que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Na proba absoluta 10K masculina o gañador foi Mehdi Elnabaoui, cun tempo de 31.29. Na segunda posición quedou o atleta local de Ames, Lucas Pena, cun tempo de 32.03, e terceiro foi Salama Loutfi El Ghazali, cun tempo de 32.55. Na categoría feminina a gañadora foi Sandra Mosquera, cun tempo de 37.34. A segunda posición foi para Patricie Viadel Turjanicová, cun tempo de 38.07, e na terceira posición quedou Soledad Leiro, cun tempo de 38.34. Esta proba pertence ao XII Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as clasificacións da carreira pedestre.

O Concello de Ames súmase ao Seminario Educar e Participar para transformar, que se vai a celebrar os días 20, 21 e 22 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e nos concellos de Vedra e Ames. Esta iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela busca achegar ás persoas coñecementos, referencias e habilidades na acción comunitaria mediante a visibilización de experiencias de participación social no sector asociativo local de Galicia. A actividade en Ames terá lugar o vindeiro xoves, 22 de outubro, de 16.00 a 20.00 horas. A inscrición pode realizarse a través dun formulario premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames recibirá un total de 3.887.804,75 euros da Deputación da Coruña a través do Plan Único de Concellos (POS+) 2026, sumando o plan principal e as achegas adicionais aprobadas ao longo do ano. A última achega, correspondente ao POS+ Adicional 4/2026, ascende a 569.317,42 euros e eleva o financiamento provincial global para Ames ata case 3,9 millóns de euros.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa impartirase desde o 26 de outubro ata o 14 de decembro no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 21 de outubro. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. No caso de haber máis inscricións que prazas ofertadas, adxudicaranse por sorteo.
- 1 de 711
- seguinte ›




