- Tematica
Este xoves, 29 de outubro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal abordará a aprobación do crédito extraordinario 2/2026 financiado con remanente de tesourería; unha modificación orzamentaria de crédito para a modificación do contrato de servizo do mantemento de zonas verdes; a aprobación dun recoñecemento extraxudicial e das liquidacións provisionais Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza; a autorización dun maior gasto para o convenio SAT 2024-2026; a corrección de erro do modelo normalizado de solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas discapacitadas con mobilidade reducida; e o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias. Tamén se debaterá a aprobación da compatibilidade laboral dun funcionario e dunha funcionaria dos departamentos de obras e de recursos humanos; tres ratificacións de decretos da alcaldía sobre subsanacións de deficiencias de proxectos de obras; e o acordo de cumprimento das condicións impostas pola Deputación para o pago do convenio relativo á construción do Mercado Municipal de Abastos. Por último, abordarase unha moción do grupo municipal do BNG relativa á necesidade de blindar e avanzar en dereitos e garantir o aumento das prestacións económicas periódicas ás vítimas de violencia machista. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de setembro e de outubro. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, das actas da sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o pasado 24 de setembro, e da sesión extraordinaria solicitada por BNG e ESCO celebrada o pasado 2 de outubro.
Crédito extraordinario 2/2026
A continuación, debaterase sobre a aprobación do crédito extraordinario 2/2026, por un importe de 1.399.994,14 euros, financiado con remanente de tesourería, para novos investimentos e gastos vindicados en exercicios pechados e corrente que carecen de crédito. Dira contía repártese do seguinte xeito: 23.474,07 euros corresponden co subministro de produtos de alimentación para as escolas infantís municipais no 2025, gastos de mantemento nos centros educativos do municipio e no espazo de coworking A Proa no 2025, e coa reforma do tellado da EEI da Iglesia en Tarroeira-Ortoño no 2026.
Ademais, 886.742,89 euros son para aboar á Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, que liquidou en setembro de 2026 a cota extraordinaria do ano 2026. Ao Concello de Ames correspóndenlle 977.018,39 euros na cota extraordinaria do ano 2026, pero dito importe foi impugnado polo Concello de Ames. Aínda así os asesores xurídicos do Concello informan da procedencia de pagar 886.742,89 euros en concepto de entrega a conta, sen prexuízo da interposición do recurso de reposición.
Por outra banda, 348.872,19 euros corresponden con actuacións en infraestruturas, instalacións e edificios municipais, que se atopan en estado deficiente ou non se axustan á normativa vixente, ou teñen por obxecto mellorar a seguridade dos viarios tanto en zonas urbanas coma rurais; e 140.904,99 euros son para novas actuacións que supoñen melloras cualitativas nos servizos municipais.
Suplemento de crédito 2/2026
Outro dos asuntos económicos que se van abordar no pleno ordinario de outubro é a modificación orzamentaria de crédito, mediante a modalidade de suplemento de crédito 2/2026, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais, por valor de 356.498,99 euros.
En dito suplemento de crédito inclúese a modificación do contrato de servizo do mantemento de zonas verdes para engadir no mesmo o axardinamento da mediana da avenida de Rosalía de Castro e outros gastos do Concello de Ames correspondentes aos servizos de alumeado público, parques e xardíns, actuacións de protección do medio ambiente, ensinanza infantil e primaria, bibliotecas municipais, promoción e equipamento cultural, escola de música, festas populares e festexos, xuventude, promoción e fomento do deporte, instalacións deportivas, promoción da actividade comercial, información e promoción turística, estradas e camiños veciñais, sociedade da información, administración xeral, comunicacións internas, e xestión do patrimonio.
Recoñecemento extraxudicial 2/2026
Tamén dentro do apartado económico abordarase a aprobación do recoñecemento extraxudicial 2/2026, para atender gastos realizados en exercicios anteriores ao 2026 e no propio exercicio 2026 sen o correspondente crédito e soporte contractual derivados da execución de obras, prestacións de subministros e servizos no desenvolvemento da actividade e funcionamento dos servizos municipais. Todos os gastos responden a obrigas económicas pendentes de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 331.607,06 euros.
Liquidacións provisionais da Mancomunidade Serra do Barbanza
A continuación abordarase a aprobación, se procede, das liquidacións provisionais da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza. Trátase das cotas polos servizos prestados de xullo, agosto, setembro e entrega a conta da cota extraordinaria de 2026. A cota ordinaria ascende a 34.610,34 euros; a cota complementaria é de 824.979,36 euros; e a conta extraordinaria ascende a 886,742,89 euros. O importe total é de 1.746.332,59 euros.
Servizo de Atención Temperá 2024-2026
Outros dos puntos que se abordarán é a autorización dun maior gasto para o convenio do Servizo de Atención Temperá 2024-2026. Deste xeito, o Pleno se procede deberá autorizar o gasto derivado da liquidación do Servizo de Atención Temperá por importe de 8.131,07 euros con cargo ao orzamento de 2026 e consignar ese mesmo importe de 8.131,07 euros con cargo ao orzamento do exercicio 2027.
Tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas con discapacidade
Na sesión plenaria ordinaria do 28 de maio de 2026 prestouse aprobación inicial a modificación parcial da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade do Concello de Ames. O modelo normalizado de solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas discapacitadas con mobilidade reducida (ANEXO I) require dunha corrección de erros e adaptación co obxecto de mellorar a súa adecuación á tramitación administrativa do procedemento. Debido a iso o Pleno deberá aprobar, se procede, dita corrección do modelo normalizado de solicitude da tarxeta.
Gratificacións, horas extras e complementarias
Por outra banda, abordarase a autorización do incremento en 130.000 euros da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2026, pasando de 320.000 euros a 450.000 euros (gratificacións: 352.000 euros; horas extras: 85.000 euros; e horas complementarias: 13.000 euros).
Autorizacións de compatibilidades laborais
Tamén se debaterá a aprobación das compatibilidades laborais coa actividade privada dun funcionario que presta os seus servizos como oficial palista do Concello de Ames; e dunha funcionaria que presta os seus servizos como administrativo do Concello de Ames no departamento de Recursos Humanos.
Subsanación de deficiencias de proxecto de obras
De seguido, trataranse tres ratificacións de decretos da alcaldía sobre a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de pavimento viario da rúa Alcalde Lorenzo (POS+2026); subsanación de deficiencias no proxecto das obras de acondicionamento das beirarrúas da avenida da Maía (POS+2026); e subsanación de deficiencias no proxecto de rehabilitación de edificio de vestiarios e contorno no campo de fútbol de Ortoño (POS+2026).
Mercado Municipal de Abastos
Ademais, abordarase o acordo de cumprimento das condicións impostas pola Deputación para o pago do convenio relativo á construción do Mercado Municipal de Abastos. Ditas condicións son manter a propiedade sobre os investimentos subvencionados e a vinculación destes á actividade que motivou o financiamento durante un período de 10 anos; e facer a publicidade da colaboración financeira da Deputación Provincial da Coruña, que deberá quedar expresamente reseñada, de forma permanente, nun lugar visible do acceso á actuación no momento da súa inauguración e/ou recepción.
Apartado de mocións
Por último, abordarase unha moción do grupo municipal do BNG relativa á necesidade de blindar e avanzar en dereitos e garantir o aumento das prestacións económicas periódicas ás vítimas de violencia machista.





