- Tematica
A Corporación municipal aprobou por maioría absoluta o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2026 por valor de 474.546,47 euros. Ademais, aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto de aprobación da primeira prórroga do contrato do servizo de axuda no fogar; a ratificación do decreto de aprobación da segunda prórroga do servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias; a ratificación do decreto de aprobación da segunda prórroga do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal; e a aprobación do convenio de colaboración e encomenda de xestión para a xestión compartida do Servizo de Atención Temperá co Concello de Teo 2026-2028. Tamén se aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, para impulsar medidas de ordenación, integración paisaxística e minimización do impacto visual das infraestruturas técnicas e de telecomunicacións. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.
O pleno ordinario de agosto, celebrado este pasado xoves 10 de setembro, comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 401 decretos, do 2335 ao 2735. Neste apartado tamén se deu conta de cinco actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de xullo e agosto. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de xullo celebrada o pasado 30 de xullo de 2026.
A continuación, debateuse sobre o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2026, que recollía gastos realizados en exercicios anteriores ao 2026, sen o correspondente soporte contractual, derivados da execución de obras, prestacións de subministros e servizos no desenvolvemento da actividade e funcionamento dos servizos municipais. Todos estes gastos responden a obrigas económicas pendentes de imputación orzamentaria e pago, e cuxo importe ascende a 474.546,47 euros. Este punto foi aprobado con maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo socialista e do grupo popular. Neste punto abstivéronse os concelleiros e concelleiras do BNG e Espazo Común.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “a maior parte das facturas pendentes de pago corresponden con prestación de servizos e subministros e execución de obras. Isto fai un importe total de 474.546,47 euros, dos cales 76.160,32 euros son de certificacións de obras e 398.386,15 euros corresponden a facturas vinculadas a distintas áreas do goberno municipal. Inclúense facturas tan diversas como alimentación, monitoraxe, transporte adaptado, telecomunicacións, mantemento, reparacións, proxectos, etc. As facturas destes servizos son habituais no noso día a día e serven para manter as prestacións deste Concello de cara a veciñanza. Trátase de gastos necesarios para o normal funcionamento dos distintos servizos municipais e o normal desenvolvemento do Concello”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “estamos falando de gastos en bens ou servizos que se prestaron pero que non seguiron correctamente o proceso administrativo. Estamos ante unha situación que nos obriga a facer unha reflexión sobre como se está xestionando o gasto municipal. Dende Espazo Común entendemos que estas situacións deberían evitarse na medida do posible, xa que o recoñecemento extraxudicial de crédito debería ser unha vía excepcional como di a norma, e non unha forma habitual de resolver problemas derivados dunha mala planificación ou dunha incorrecta planificación do gasto”.
A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, comezou dicindo “este é un mecanismo que recolle a lei, e que se pode usar, pero para min o debate céntrase en como se pode usar dito mecanismo. Podemos entender que aparezan gastos que non era posible prever, como poden ser reparacións, avarías ou un servizo que é urxente atender, pero hai outras facturas que responden a unha falta de planificación e xestión. Se sabemos que un determinado gasto vai existir, debemos de ser capaces de planificalo e introducilo nos orzamentos. Todos deberíamos facer unha reflexión, porque canto mellor se fagan os procedementos, mellor será para os provedores que poderán cobrar antes”.
O concelleiro de Partido Popular, Pablo Beiroa, destacou que “a maior parte das facturas corresponden con servizos relacionados co normal funcionamento dos servizos públicos municipais. A maior parte das factura correspondentes ao exercicio 2025 están relacionadas coa rede municipal de comedores escolares. Isto fai que ano tras ano se teñan que aprobar ditas facturas a través dun recoñecemento extraxudicial de crédito para que os provedores poidan cobrar. Agardamos que se poida licitar o servizo de abastecemento de alimentos para os comedores escolares e deixen de aprobarse deste xeito ditas facturas”.
Sobre este asunto o alcalde, Blas García, apuntou que “é certo que isto é algo que se fai de forma reiterada. É certo tamén que se pode mellorar, aínda que nalgunhas ocasións é difícil ter unha previsión de todos os gastos, pero tamén quero deixar claro que uns 129.000 euros son facturas de empresas que as presentaron fóra de prazo. Hai servizos que temos que licitar e trataremos de facelo”.
Servizo de axuda no fogar
De seguido, aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto de aprobación da primeira prórroga do contrato do servizo de axuda no fogar, nas modalidades de dependencia e libre concorrencia, que foi subscrito coa empresa Attende Care SL. O contrato iniciouse o 1 de xuño de 2025. A primeira prórroga farase por un prazo de 1 ano. A través de dita prórroga autorízase un gasto por importe de 1.438.939,26 euros, máis 57.557,57 euros correspondentes ao 4% de IVE, o que supón un total de 1.496.496,83 euros.
Prórroga dos servizos de limpeza
Outros asuntos aprobados por unanimidade foron a ratificación do decreto de aprobación da segunda prórroga do servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias; e a ratificación do decreto de aprobación da segunda prórroga do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal.
O lote do servizo de limpeza nos centros educativos, subscrito con Limpiezas Germania SL, comezou a prestarse o 1 de setembro de 2022 e a prórroga de 1 ano estenderase ata o 31 de agosto de 2027. A través de dita prórroga autorízase o gasto por importe de 242.256,80 euros, mais 50.873,93 euros correspondentes ao 21% de IVE, o que supón un total de 293.130,73 euros.
Por outra banda, o lote de servizo de limpeza de instalacións de uso municipal, subscrito tamén con Limpiezas Germania, comezou a prestarse o 1 de setembro de 2022 e a prórroga de 1 ano estenderase ata o 31 de agosto de 2027. A través de dita prórroga autorízase o gasto por importe de 180.611,40 euros, máis 37.928,39 euros correspondentes ao 21% de IVE, o que supón un total de 218.539,79 euros.
Servizo de Atención Temperá
Ademais, aprobouse por unanimidade o convenio de colaboración e encomenda de xestión para a xestión compartida do Servizo de Atención Temperá co Concello de Teo. Dito convenio terá unha duración inicial de dous anos, desde o 1 de novembro de 2026 ata o 31 de outubro de 2028. O devandito servizo iniciouse o pasado 1 de novembro de 2021.
Sobre este punto a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou “o pasado 10 de agosto publicouse a orde do 22 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión dunha nova subvención a entidades locais da comunidade autónoma de Galicia para a prestación deste servizo con vixencia de dous anos. Na actualidade estase tramitando unha nova solicitude de subvención conxunta, na que se prevé que o Concello de Teo manteña a súa condición de xestor do servizo. Para poder seguir prestando este servizo e que os menores poidan percibir estas terapias, requírese asinar un novo contrato de colaboración co Concello de Teo e que materialice a encomenda de xestión cunha duración de dous anos. A previsión de custos anuais para o noso Concello é de 9.377,86 euros, que é compartida ao 50% co Concello de Teo”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou “o servizo de atención temperá naceu como un exemplo de cooperación administrativa a nivel horizontal e vertical, e desde o seu nacemento puidemos comprobar a necesidade do mesmo. A alta demanda fixo que se tivese que aumentar o contrato. Desde a súa posta en marcha vimos como en Ames hai moita máis demanda que en Teo, cedéndonos horas este Concello para que nos puidésemos atender o maior número posible de nenos e nenas. Isto levounos a formular a necesidade do noso Concello de atender unha unidade de atención temperá por nós mesmos, xa que hai demanda, hai financiamento e, sobre todo, xa temos a experiencia, que era o que nos faltaba no momento da súa implantación. É unha mágoa perder esta oportunidade coa demanda que temos, sabendo que hai nenos e nenas que están tendo unha intensidade menor de tratamento do que poderían ter, e mesmo que teñamos lista de agarda”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, dixo que “a demanda deste servizo non deixa de medrar e a atención temperá é un servizo esencial. Intervir nos primeiros anos pode marcar unha diferenza determinante no desenvolvemento dun neno ou dunha nena. É certo que se pasou de tres a cinco profesionais, pero seguimos contando só con tres perfís. Se queremos dar resposta á diversidade de necesidades debemos contar cun equipo máis multidisciplinar. Hai outro aspecto clave que consideramos que debe ser revisado: o límite ata os seis anos. Un neno ou unha nena non deixa de necesitar apoio por cumprir unha determinada idade. Hai casos nos que é necesario continuar con esa intervención e por iso debemos avanzar cara a un modelo máis flexible. Non podemos seguir mantendo un modelo que xa está dando sinais claros de quedar curto”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “este servizo non se podería ter creado sen as subvencións que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, oferta aos Concellos. Ata o ano 2026 recibimos unha subvención para este servizo de 440.000 euros, incrementándose, con esta nova achega ata o 660.000 euros ata o ano 2028. Desde o Partido Popular apostamos por uns servizos públicos próximos e de calidade”.
Resolución de alegacións da ordenanza da taxa do lixo
A continuación, abordouse a resolución de alegacións para a aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos do Concello de Ames. Este punto estaba fóra da orde do día e presentouse por vía de urxencia. Dita urxencia foi aprobada por unanimidade.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “se presentou unha alegación por parte dunha veciña de Ames que solicitaba a modificación da regulación do artigo 8.2 da ordenanza fiscal que regula a bonificación por entrega de residuos no punto limpo. Consta de dous apartados: no apartado A indícase que a bonificación se tramitase de oficio e non a instancia de parte. Neste caso este apartado vaise a desestimar. No apartado B indícase que independentemente de que se tramite de oficio ou a instancia de parte, o interesado non debería acreditar o cumprimento dos requisitos. Esta parte vaise estimar”.
Este punto foi aprobado por maioría simple co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo socialista, o voto en contra dos/as concelleiros/as do BNG e Espazo Común, e a abstención dos/as concelleiros/as do Partido Popular.
Moción do grupo municipal popular
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, para impulsar medidas de ordenación, integración paisaxística e minimización do impacto visual das infraestruturas técnicas e de telecomunicacións. O grupo municipal do BNG presentou unha emenda, aceptada polo Partido Popular, para incluír en dita mocións cuestións relativas a saúde das persoas no que atinxe ao impacto que poden provocar as infraestruturas técnicas e de telecomunicacións.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Toda la Corporación de Ames coincide en mejorar la gestión para evitar reconocer créditos"
Lindeiros: "Novo recoñecemento extraxudicial do concello de Ames"












